O seu debuxo ‘A mañá de Reyes’, será a felicitación oficial do Concello
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Educación que dirixe Francisco Mourelo, informa dos gañadores da IV edición do Concurso de Postais de Nadal.
O primeiro premio foi para o alumno de 6º de Primarias do CEIP Raquel Camacho, Damián Domínguez Vázquez, pola súa postal La mañana de Reyes. Esta será a felicitación oficial do Concello de Nadal. O segundo premio foi para Iago Beira Boquete, de 4º de primaria do CEIP Emilia Pardo Bazán, por La navidad necesita regalos. Nesta cuarta edición participaron un total de 1.081 postais, creadas por escolares coruñeses dende os 3 aos 12 anos.
Por outra parte, continúa aberta a inscrición para o resto de concursos de temática do Nadal convocados pola Concellaría. Por unha parte, o Concurso de Monólogos cómicos en galego, que se celebrará o 17 de decembro no Teatro Rosalía Castro para alumnado de secundaria e FP, ten de prazo ata o día 12 de decembro, a través de educacion@coruna.es, e as bases se poden consultar na web educativa municipal.
Ademais, o III Concurso Municipal de árbores e beléns Un Nadal Ecolóxico ten aberta a inscrición para os centros educativos da cidade ata o día 12 en educacion@coruna.es.
Por último, o 18 de decembro o Teatro Colón acollerá a IV Representación de alumnos e alumnas do Conservatorio Profesional e Danza Un bosque encantado. Dirixida polo director do conservatorio, Luciano Gómez, conta con banda sonora de Milladoiro, The Chieftains, Mercedes Peón e Ismael Berdei. Haberá dúas sesións: unha matinal ás 12.00 horas, dirixida aos centros de educación infantil e primaria; e unha de tarde, aberta ao público, ás 20.30 horas. A entrada será gratuíta ata completar aforamento e haberá unha mesa para donativos voluntarios dirixidos á Cociña Económica.