Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Noia inviste máis de 100.000 euros no asfaltado e mellora da seguridade viaria de varias rúas e camiños


 

Concello e AXI colaboran na mellora da seguridade viaria nos accesos á vila por Orro, completando un tramo de beirarrúas

O Concello de Noia está acometendo distintas actuacións de mellora da seguridade viaria no municipio, tanto de asfaltado e reparación do firme en varias rúas da vila como na construción de beirarrúas e mellora do pavimento dunha das entradas ao municipio, por Orro. O alcalde de Noia, Santiago Freire, explica que “son actuacións en distintos puntos do municipio, de asfaltado, seguridade viaria, beirarrúas, sinalización… que melloran o estado e a seguridade da nosa rede viaria e nas que estamos a investir máis de 100.000 euros entre o Concello de Noia e a Xunta de Galicia”.

“Son actuacións moi demandadas pola veciñanza, pois o estado de conservación de moitas delas era moi deficiente e mesmo houbo persoas que nos dixeron que non se actuara nelas dende hai vinte anos”, sinala Freire Abeijón, quen apunta que “aínda que todavía queda moito por facer, penso que nestes tres anos houbo un avance significativo en materia de reparación de beirarrúas e pavimentación de camiños no municipio”.

Actuacións

Entre as actuacións acometidas nestas dúas últimas semanas figuran a reparación do firme e asfaltado en quente de varias rúas tanto no centro da vila (Pedra Sartaña e Pintor Xenaro Carnero) como no barrio de San Lázaro (rúas Uruguai e Xaquín Agra Cadarso). “Ademais de reparar as fochancas e pavimentar o firme, aproveitamos para mellorar a sinalización horizontal e vertical, así como para ordenar o estacionamento na zona”, explica o alcalde noiés. “Son rúas moi transitadas, como a que dá acceso ao paseo marítimo ou a que dá acceso ao centro de saúde, co que damos resposta ás peticións dos veciños e veciñas de Noia”, puntualiza Freire Abeijón.

Así mesmo, fóra do núcleo urbano o Concello de Noia e a Axencia Galega de Infraestruturas están a acometer outras melloras na parroquia de Orro, como son o asfaltado da AC-550, dende a rotonda da autovía Santiago-Noia ou a construción de beirarrúas na contorna da intersección da AC-550 e a AC-534. “Trátase de dar continuidade a un tramo de beirarrúas xa que é un tramo moi perigoso para os peóns pero que, coa axuda da Xunta de Galicia, imos poder eliminar definitivamente”, sinala o alcalde noiés.