Friday 22 de November de 2024

Un total de 54 obras optan á primeira edición do Premio Laudamuco de teatro


 

A entrega do premio terá lugar o vindeiro 16 de maio

Un total de 54 textos teatrais competirán pola primeira edición do Premio Laudamuco, convocado polo Concello de Brión en colaboración coa Academia Galega de Teatro e con Edicións Positivas. Un galardón de carácter anual, dotado con 7.000 euros e coa edición da obra, que nace co obxectivo de apoiar a creación dramática en galego e contribuír ao recoñecemento da figura de Roberto Vidal Bolaño.

O alcalde de Brión, José Luís García, amosa a súa satisfacción polo gran número de textos presentados. “Estamos falando de máis de medio cento de pezas teatrais na primeira edición deste premio, polo que estamos máis que satisfeitos pola participación e esperamos que teñan a calidade que merece un premio que leva o nome da obra que se considera como o inicio do teatro profesional en Galicia”, apunta o alcalde brionés.

Nos próximos meses, as obras serán valoradas por un xurado proposto pola Academia Galega de Teatro, que fará pública a súa decisión nun acto público en data e lugar aínda por confirmar. A entrega da primeira edición do Premio Laudamuco terá lugar o 16 de maio, no transcurso dun acto organizado polo Concello de Brión co gallo do 41 aniversario da posta en escena de Laudamuco, señor de ningures.