Saturday 16 de November de 2024

Presentación do libro e entrega da colección de Héitor Picallo


Venres 22 de febreiro, terá lugar a presentación do libro: No Medievo, castañas e castiñeiros como recursos económicos, ensaio histórico de que é autor Héitor Picallo Fuentes. Este acto celebrarase no Auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, a partir das 20:30 h.

Intervirán: Xosé Lois Piñeiro García, alcalde do concello, Genoveva Hermo Santos, concelleira de cultura, Héitor Picallo Fuentes, escritor autor do libro e Antonio González Millán, director desta institución.

Paralelamente, na mesma xornada, terá lugar o acto público de entrega a este centro da colección de debuxos arqueolóxicos: A Torre dos Valle Bermúdez, no Caramiñal, serie de 40 láminas inspiradas na sede desta casa museo, Monumento Nacional de carácter Histórico-Artístico, creadas por Picallo en 2015. De xeito que podan ofrecerse en exposicións temporais do propio Museo como en itinerancia por outras localidades. Consistirá este na sinatura da acta de depósito oficial, a subscribir entre o ilustrador, o alcalde da Pobra do Caramiñal como presidente da corporación municipal e o director do centro como técnico conservador, garante da súa custodia e conservación.

Con esta nova incorporación, o Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, acrecenta os seus fondos de patrimonio cultural. Podendo ampliar así a súa oferta sociocomunitaria e as pezas das belas artes que expoña ao público, como parte da súa colección visitable.