O Concello de Lousame conmemorará o Día de Rosalía cun recital poético-musical que terá lugar mañá venres 22 de febreiro, ás 12:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura. Unha iniciativa aberta á participación de toda a veciñanza e que conta coa colaboración do CPI Cernadas de Castro. A entrada é libre e de balde.
Durante uns 45 minutos, os alumnos e alumnas de Secundaria do centro lousamiá ofrecerán un recital de poemas da popular poetisa galega. Así mesmo, as persoas que asistan ao acto tamén poderán desfrutar dunha actuación da soprano noiesa Esperanza Mara, quen dará lectura a varios poemas e interpretará varias pezas musicais baseadas en textos de Rosalía de Castro.