O concurso infantil terá lugar o sábado 2 de marzo
O Concello de Noia vén de abrir o prazo de inscrición no XXXV Concurso-Desfile Rally París-Dakar Entroido 2019 e no Concurso Infantil de Entroido, que terán lugar o venres 8 de marzo e o sábado 2 de marzo, respectivamente. En ambos casos, as inscricións poden formalizarse na primeira planta do Concello de Noia, teléfono 981 842 100 (Moncho) en horario de 9:00 a 13:00 horas.
O prazo estará aberto ata as 13:00 horas do venres 1 de marzo, no caso do concurso infantil, e ata as 13:00 horas do venres 8 de marzo, no concurso xeral. Para formalizar a inscrición será preciso que unha persoa representante, maior de 18 anos, presente o seu nome, apelidos, enderezo, teléfono de contacto e fotocopia do DNI.
8.000 euros en premios
O concelleiro de Cultura, José Pérez, explica que “todas as persoas que participen no concurso deberán tomar parte no desfile polas rúas de Noia, que sairá ás nove da noite do Malecón de San Lázaro e finalizará na explanada do Paseo Marítimo, percorrendo as rúas Carreiriña, Porta da Vila, Rosalía de Castro, Calvario, Francisco Romero Blanco e Antón Avilés de Taramancos”.
O concurso contará con catro categorías: individual, parellas, comparsas e grupos, que se repartirán 8.000 euros en dezanove premios diferentes. As persoas participantes no concurso de disfraces individual competirán por dous premios de 200 e 100 euros, que serán de 300 e 200 euros no caso do concurso por parellas. Na categoría de comparsas establécense catro premios de 500, 400, 300 e 200 euros; mentres que na de grupos haberá cinco galardóns de 2.000, 1.300, 900, 500 e 300 euros. A maiores, o Concello de Noia establece un premio especial á simpatía de 300 euros e cinco mencións especiais, de 100 euros cada unha.
Concurso infantil
No caso do Concurso Infantil de Entroido, terá lugar no pavillón Agustín Mourís ás 17:30 horas do sábado 2 de marzo. O Concello de Noia establece tres categorías: individual, parellas e grupos, que se repartirán 1.850 euros en premios. “O xurado valorará a vistosidade, orixinalidade, elaboración, maquillaxe, simpatía e posta en escena para a concesión dos premios. Ademais, cada neno e nena que participe no concurso recibirá un agasallo”, apunta José Pérez.
Os participantes concursarán por catro premios en cada categoría: 160, 110, 60 e 30 euros na infantil; 300, 180, 110 e 60 euros, no caso das parellas; e 350, 250, 150 e 100 euros no caso dos grupos infantís.
Nos dous concursos, o xurado estará formado por 5 persoas: un representante da corporación municipal como presidente, un traballador do concello como secretario e tres vogais, que serán persoas relacionadas co mundo cultural, da moda ou gañadoras de concursos en anos anteriores.