Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame organiza unha charla informativa sobre o testamento dixital


 

O avogado Esteban Ares explicará a necesidade de regular as posesións dixitais, dende as Redes Sociais ata a Banca Electrónica

O Concello de Lousame organiza unha charla informativa sobre o testamento dixital, que terá lugar este venres 22 de febreiro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Lousame. A charla, de acceso libre e de balde, será impartida por Esteban Ares, socio da firma AG Legal Abogados.

A sesión terá unha duración aproximada dunha hora, tempo no que Esteban Ares buscará “facer pensar a todos sobre a necesidade de decidir que queremos que se faga co noso patrimonio dixital. Todos sabemos que hai que decidir a quen queremos deixar os nosos bens inmobles, pero non somos conscientes do patrimonio dixital que estamos acumulando e temos que decidir que queremos facer con el”.

Por iso, Ares ofrecerá “unha serie de casos prácticos cos que traballamos en AG Legal Abogados e que presentaremos de xeito anónimo para que a xente vexa as situacións reais coas que nos atopamos e se dean conta da necesidade de deixar todo ben atado”. Neste sentido, Esteban Ares explica que o testamento dixital “non é un testamento online, é regular no testamento de toda a vida as posesións dixitais. Non só estamos falando de cousas como Redes Sociais, WhatsApp ou a conta de correo electrónico, tamén falamos de que facer cos nosos contrasinais na Banca Electrónica, sobre todo nos casos desas entidades que non teñen sede física. Se unha persoa morre e ninguén ten eses contrasinais, o lío é considerable porque a persoa que herda non ten unha sucursal á que acudir”.

En definitiva, o obxectivo da sesión é “que a xente veza que todo se pode deixar planificado, cada vez temos máis posesións dixitais e é importante que cadaquén decida o que facer con elas”, apunta o letrado de AG Legal Abogados.