Primeira estrea virtual das curtas do Chanfaina Lab
Catalina Rodríguez Rico é unha moza de Lamas que estuda 3º da ESO no CPI de San Sadurniño. Aos seus 13 anos é xa unha amazona experta e unha amante incondicional de todo o o relacionado co mundo ecuestre. É neta da youtubeira Maruxa da Laxe e, ademais, móvese no grupo de Pablo Martínez e Iago Lourido, auténticos vendavais creativos que veñen puxando con forza no pequeno grande movemento audiovisual de San Sadurniño. Catalina -ou Cata, como a coñecen as amizades- nunca participara no Chanfaina Lab, pero en 2018 deu o paso asistindo aos obradoiros ofrecidos dentro da súa programación e preparando logo peza de seu cun poldro como protagonista. Unha curta titulada “A moza que borboriñaba aos cabalos” que é ben fermosa pola plasticidade da imaxe e por mostrarnos a paciencia, a técnica e o cariño firme co que ela consegue empatizar co animal, que é algo moi distinto a dominalo.
Tal e como comenta o profesor Manolo González na canle do Chanfaina Lab en Fálame de San Sadurniño, Catalina deu o seu primeiro paso audiovisual xuntando unha idea que lle andaba pola cabeza coa súa grande paixón: “Tiña en mente gravar algo cos animais e resultou que o meu veciño separou a un poldro – “Farruquiño”- da súa nai. Eu pregunteille se podía comezar a domalo e deume permiso. Así foi como dei co tema da miña peza. Pretendín amosar o proceso de “doma natural” que consiste basicamente en acompañalo e ensinarlle pequenas cousas, ata que se acostume a min . Ous dous aprendemos moito un do outro, sobre todo a ter confianza mutua”, explica Catalina.
Na curtametraxe coa que comezan as estreas virtuais do Chanfaina Lab vemos en poucos minutos un proceso de catro meses e unha evolución desde a bravura inicial ao absoluto entendemento persoa-animal. Catalina comentou na presentación da peza que para cabalgar ao lombo de Farruquiño aínda deberá agardar outros dous anos máis, posto que “aínda é moi pequeno e non está preparado fisicamente para ser montado”.
“A rapaza que borboriñaba aos cabalos” xoga co nome da afamada película de Robert Reford e a música do filme de animación sobre o indomable cabalo “Spirit”, mais pretende ser sobre todo un anaco de verdade que comparte esencia coa peza filmada para o Chanfaina lab hai dous anos por Óliver Laxe.
Catalina gravou preto de cinco horas que ficaron reducidas a 6 minutos tras dun laborioso proceso de selección e montaxe. A cámara desta novísima cineasta local vai na procura da autenticidade e beleza presente no mundo do cabalo. “Pretendo amosar a sensación de tranquilidade que proporciona un cabalo ao que queres cando el tamén te quere” .
Realizada cunha gran sinxeleza e sensibilidade, Catalina exalta a beleza e a amizade a través de instantes tenros que rexistran a complicidade dunha nena co seu pequeno cabalo. Non precisa trucos, efectos ou grandes discursos, tan só planos sinxelos filmados polo seu amigo Pablo e a súa avoa Maruxa, para darnos unha lección de optimismo, humanidade e amizade verdadeira, para pensar, en definitiva, que a vida pode ser marabillosa. Cousas lindas, en resume, que se poden ver na canle de youtube do Chanfaina Lab que, coas pezas filmadas en setembro de 2018 e que agora se van estreando cada venres, superará o cento de curtametraxes.