Saturday 16 de November de 2024

Román Rodríguez propón comezar a deseñar un plan operativo de seguridade para os Camiños de Santiago de cara ao Xacobeo 21


O conselleiro de Cultura e Turismo participou  na comisión interdisciplinar na Delegación do Goberno de Galicia como primeiro paso para abordar este reto
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou na Comisión de Seguridade dos Camiños de Santiago, celebrada na Delegación do Goberno en Galicia con representantes de diferentes administracións públicas, onde propuxo comezar a deseñar un plan operativo neste eido que permita encarar a celebración do Xacobeo 21 coas maiores garantías e responder ao reto da xestión de fluxos que este evento suporá na Comunidade.

A comisión interdisciplinar permitiu poñer en valor o traballo desenvolvido nos últimos anos e a evolución parella da cifra de peregrinos, pero tamén constatar que o próximo Ano Santo suporá un redimensionamento no seu volume que exixe estar preparados e ampliar o alcance dos acordos establecidos ata agora. Así, Román Rodríguez puxo sobre a mesa a creación dunha comisión encargada do deseño dun plan operativo de seguridade, que se inicie en 2020, baseado na coordinación, coa participación dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e Protección Civil. Entre outras funcións, a Xunta expuxo a necesidade de definir os puntos de acollida para grupos de elevados continxentes de persoas así como das estratexias e despregamentos que as situacións requiran.

“A seguridade é unha peza fundamental na Ruta Xacobea, e manter e mellorar os índices de seguridade pública e viaria é un dos obxectivos para o Xacobeo 2021”, destacou o conselleiro en declaracións aos medios de comunicación xunto ao delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, quen presidiu a xuntanza convocada a instancias da Xunta e que permitiu dar xa os primeiros pasos para abordar conxuntamente esta realidade.

Incorporación de Pontevedra e Ourense
Como salientou Román Rodríguez, a coordinación entre todos os actores implicados na xestión do Camiño é unha das principais prioridades, tal e como se recolle no Plan Director do Camiño de Santiago. Por iso, tamén subliñou a importancia de que se inclúa como membros desta comisión aos representantes das deputacións provinciais de Pontevedra e Ourense, que polo de agora non están a participar nela.

Así mesmo, avanzou a posibilidade de actualizar o estudo elaborado, no marco do convenio asinado en 2015 entre o Goberno autonómico e o Ministerio do Interior, sobre confluencias de estradas e os distintos itinerarios oficiais para establecer as prioridades de actuación de cara ao Xacobeo 21. Neste sentido, a Xunta solicitou información para coñecer o estado no que se atopan as melloras de seguridade viaria necesarias no Camiño Francés e no Portugués, os dous itinerarios máis percorridos, e salientou a importancia de atender tamén os posibles puntos conflitivos do resto de rutas anticipándose a situacións problemáticas.

Mellora permanente
Neste sentido, Román Rodríguez comentou que a Xunta leva traballando amplamente na seguridade viaria dos peregrinos a través de actuacións realizadas nos proxectos de mellora e sinalización iniciados en 2015 no marco do Plan Director do Camiño e que, seguindo o calendario previsto, culminará en 2020 cun investimento que, en conxunto, supera os 10 millóns de euros. A esta cantidade sumaranse os oito contratos de mantemento, por un valor de 15,6 millóns de euros, aprobados no último Consello da Xunta e que garantirán ata 2022 a conservación do traballo feito ao longo deste período.

Pola súa banda, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten previsto iniciar este verán as obras licitadas en xaneiro para a mellora da seguridade viaria nos treitos do Camiño de Santiago na provincia de Lugo, que coinciden coa traza da estrada de titularidade autonómica LU-633, cun orzamento de case 700.000 euros.

As intervencións que se levarán a cabo no Camiño Francés, na estrada LU-633, que une Pedrafita e Portomarín, buscan favorecer a mobilidade dos peregrinos, facer que a Ruta Xacobea sexa máis segura e lograr unha convivencia máis harmónica entre peregrinos e vehículos, facendo as estradas autonómicas máis humanas, máis accesibles e máis seguras, tamén para os peregrinos.

Trátase de intervencións específicas a desenvolver en cinco concellos da provincia: Pedrafita, Triacastela, Samos, Sarria e Portomarín, ás que hai que engadir outras actuacións do departamento de Infraestruturas da Xunta para e mellora da seguridade viaria en diferentes puntos coincidentes coa traza das distintas rutas.

Campañas de sensibilización
Estas accións foron seguidas de campañas de concienciación entre os peregrinos nas que, en opinión da Xunta, debe perseverarse para manter a súa eficacia. Así, vese conveniente proseguir coa distribución de cobremochilas nos albergues e colaborando cos distintos colectivos implicados. Ao respecto, Román Rodríguez puxo en valor a Guía de emerxencias para peregrinos polos Camiños de Santiago editada o pasado ano, froito do compromiso de colaboración entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza e a Axencia Turismo de Galicia, un acordo que permite incorporar ás agrupacións de voluntarios de Protección Civil na tarefa de reforzar a seguridade dos peregrinos.

A Comisión de Seguridade dos Camiños de Santiago conta coa participación de representantes do Goberno central, a través da súa Delegación en Galicia e das subdelegacións na Coruña e Lugo; do Ministerio de Fomento e da Xunta de Galicia, así como da Dirección Xeral de Tráfico e da Agrupación de Tráfico da Garda Civil.

Tamén se integran, na actualidade, membros das deputacións da Coruña e Lugo e a Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés. Por parte da Xunta, ademais do conselleiro de Cultura e Turismo, participaron o secretario xeral técnico da consellería, Manuel Vila; a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro; a directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez Insua, e o xefe de área de Construción, Explotación e Seguridade Viaria da Axencia Galega de Infraestruturas, Daniel Núñez.