O Concello reserva unha partida de 25.000 euros
O Boletín Oficial da Provincia deste luns 18 de febreiro publica as bases e mailos anexos de solicitude das bolsas para estudos obrigatorios e posobrigatorios, ademais das axudas para familias con nenas e nenos matriculados na Escola Infantil Municipal A Rolada durante o curso 2018/2019. Para esta finalidade hai reservada unha partida económica de 25.000 euros, dividida á súa vez en varios subapartados dependendo dos niveis que se estean cursando neste ano académico. O prazo para solicitar as bolsas remata o venres 15 de marzo.
Do montante total gárdanse 2.000 euros destinados a posibles situacións socioeconómicas especiais, mentres que os 23.000 euros restantes van a tres apartados: estudos obrigatorios -infantil, primaria e secundaria-, estudos posobrigatorios -bacharelatos, ciclos formativos e universitarios- e, por último, a cubrir parte dos gastos de asistencia dos nenos e nenas de 0 a 3 anos á Escola Infantil Municipal de San Sadurniño no presente curso.
Así, para bolsas dirixidas a gastos de estudos obrigatorios e 2º ciclo de Educación Infantil hai unha dotación de 5.000 euros e a axuda poderá ser de ata 200 euros por neno ou nena sempre que a unidade familiar non supere os 6.000 euros de base liquidable da súa renda anual correspondente ao exercicio 2017.
No caso dos estudos posobrigatorios a partida total ascende a 10.000 euros e a axuda pode chegar ata os 600 euros por solicitude, posto que este tipo de ensinanzas non se imparten en San Sadurniño e, polo tanto, as familias deben facer un esforzo maior para custear os estudos dos seus fillos e fillas. Para acceder ás axudas a renda familiar máxima non deberá superar os 18.000 euros de base liquidable/ano.
Para o cálculo da contía da bolsa nos estudos básicos valorarase o número de membros que formen parte da unidade familiar -máis puntos canto maior sexa a unidade familiar-, mentres que na avaliación das bolsas para estudos posobrigatorios ademais da renda tamén se terá en conta o expediente académico do mozo ou moza para o que se solicite a axuda. Se estivese cursando estudos universitarios deberá ter matrícula en polo menos o 50% dos créditos do curso correspondente.
Do terceiro capítulo da convocatoria, o das axudas para servizos de conciliación, poderán beneficiarse as familias usuarias da Escola Infantil Municipal no curso 2018/2019. A reserva de crédito é de 8.000 euros e o acceso ás axudas está condicionado a que a renda familiar non supere os 25.000 euros de base liquidable.
A contía poderá chegar ao 50% dos gastos xustificados cun importe máximo de 1.500 euros por fillo ou filla, aínda que este tope vai depender do número de solicitudes admitidas, dos umbrais económicos de cada familia e do crédito dispoñible nesta liña.
As valoracións das axudas para a EIM faranse por nivel de renda segundo o cadro de tramos publicado nas bases -a menor renda, máis puntuación- e tamén dependendo do importe total do servizo, é dicir, máis puntos canto maior sexa o gasto que soporte a familia.
Para solicitar calquera aclaración sobre o contido desta convocatoria pódese chamar ao Concello: 981 490 027. O prazo de presentación das instancias de solicitude finaliza o próximo 15 de marzo.