Saturday 16 de November de 2024

A Casa da Cultura de Lousame acolle ata o vindeiro 5 de marzo a primeira exposición de pintura do veciño Juan Carlos Lorenzo


 

A mostra está composta por 37 pinturas ao óleo “daquilo que vexo e me inspire”, asegura este veciño de Tállara

Máis de medio cento de persoas acompañaron na tarde de onte venres ao seu veciño Juan Carlos Lorenzo na inauguración da súa primeira exposición pública. Unha mostra de 37 óleos que poderán visitarse na sala de exposicións da Casa da Cultura de Lousame ata o vindeiro 5 de marzo.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, foi a encargada de introducir ao autor asegurando que “temos a honra de ter connosco a un gran de Lousame de quen eu descoñecía que se dedicaba á pintura, e iso que como é membro de O Son do Pote coincido moito con eles, pero supoño que che daba pudor pero non tes que telo, pois a túa obra non só está ao nivel senón que nalgúns casos moi por riba dalgúns artistas que expuxeron aquí”. Neste sentido, Villaverde Pais insistiu en que “a Casa da Cultura está para isto, para que expoña xente e se é de Lousame, mellor que mellor”.

Pola súa banda, Juan Carlos Lorenzo explicou que “gústame pintar o que vexo e me inspire. Vou por calquera currunchiño, sácolle unha foto e a levo para facelo tranquiliño na casa. Non son moito de ir fora e pintar, eu necesito a miña intimidade para pintar”. Unha afección que lle vén de neno, cando empezou a facer debuxos en carboncillo, pero que recuperou e á que lle empezou a dedicar máis tempo hai 5 anos, cando se xubilou: “xa me di a muller: véxote menos agora que cando andabas ao mar”.

Juan Carlos Lorenzo, veciño de Tállara, estivo acompañado pola súa familia e polos seus compañeiros no grupo folclórico O Son do Pote, quen non deixaron de tocar en toda a tarde. Pintor autodidacta, cando se xubilou empezou a experimentar na pintura e a recibir clases para perfeccionar a súa técnica. Admirador de Van Gogh, a súa obra ten unha liña profundamente realista está chea de paisaxes e paraxes de Lousame, así como bodegóns e algún que outro cadro no que busca asemellarse ao estilo do seu admirado mestre dos Países Baixos.