A partida de investimentos reais aumenta en preto dun 30 por cento con respecto ao exercicio anterior
O executivo boqueixanés aprobou onte o orzamento 2019 nunha sesión extraordinaria do Pleno municipal. As contas ascenden a un total de 3.777.989,23 euros, o que supón unha suba do 7,23% con respecto ao exercicio anterior.
Na súa intervención, o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, indicou que “se trata dunhas contas equilibradas nas que se fai un esforzo por aumentar o gasto social, cuxa partida se ve incrementada nun 17,50% con respecto a 2018”. Máis concretamente, para este apartado destinaranse preto de 800.000 euros, dos cales, máis da metade se centrarán no programa de atención social.
Fernández Munín tamén salientou o esforzo realizado por incrementar o capítulo de investimentos reais –un 29,64% máis-, cunha partida orzamentaria total de 674.124,79 euros, dos cales preto de 100.000 serán aportados pola administración local. Entre os proxectos previstos para este exercicio atópanse as seguintes:
• Mellora do camiño de Ledesma a Codeso (145.050,12 euros)
• Mellora do firme viario de Noente a Sucira e outros (106.910,74 euros)
• Mellora viario Ardesende a Engas e outros (163.924,85 euros)
• Mellora do firme viario cruce de Vigo a AC-261 (101.880,77 euros)
• Mellora firme viario Rubio a Zaramacedo e outros (63.221,59 euros)
• Roteiro camiños de Santiago (6.274,75 euros)
• Melloras infraestruturas municipais viarias (32.704,30 euros)
• Melloras infraestruturas municipais (22.583,68 euros)
• Adquisición de parcela para a instalación da EDAR de Sergude (31.574,09 euros)
Tamén se incrementan as partidas no gasto de persoal, cun aumento de preto do 8% -chegando aos 1.464.997,44 €-, mentres que os gastos en bens e servizos correntes rexistran unha suba do 12,80% -un total de 1.597.867 €-. Pola súa banda, as transferencias correntes, ás que se destinan 40.000 euros, rexistran unha suba dun 33,33%.
No tocante ao capítulo de ingresos, o rexedor indicou que se prevé unha suba de máis dun 11% con respecto ao exercicio 2018. Os capítulos máis cuantiosos son as transferencias correntes –procedentes doutras administracións-, que suman un total de 1.624.001,15 euros, e os impostos directos, cun ingreso previsto de 949.000 euros. Complétase este capítulo cos 588.000 euros derivados das taxas, prezos públicos e outros e os 35.000 euros de impostos indirectos.
As operacións de capital suporán un ingreso de 581.988,08 euros, dos cales 417.063,23 € procederán de transferencias de capital, mentres que 163.924,85 € corresponden a pasivos financeiros. Os 1.000 euros restantes procederán dos activos financeiros.
O voceiro da oposición, Xabier Canabal, tras realizar un repaso ás distintas partidas do orzamento, anunciou o voto en contra de Veciñ@s de Boqueixón. Argumentou “unha falla de liñas estratéxicas para combater o envellecemento e a perda poboacional”. Sobre isto, Manuel Fernández Munín argumentou que “polo menos nos dous últimos anos non perdemos poboación, aínda que sería desexable que parte da xente que se asentou en Lestedo se animase a censarse no noso Concello”.