Desenvólvese dende hoxe no Facebook do Concello, premiará á imaxe con máis “Me Gusta” dun home/mozo de Lousame desenvolvendo tarefas do fogar e fará un sorteo entre os internautas que voten
O Concello de Lousame convoca o concurso de fotografía “Nós compartimos… e ti?” co gallo da conmemoración do Día da Muller Traballadora e que este ano estará dedicado á corresponsabilidade no fogar. Un concurso que se desenvolverá na páxina do Concello de Lousame en Facebook ata as 15:00 horas do vindeiro 4 de marzo e que está aberto á participación de toda a cidadanía e cunha única condición imprescindible: a imaxe deberá recoller a home/homes e/ou mozos/as de Lousame realizando tarefas domésticas, participando no coidado de menores e/ou maiores da súa familia e/ou compartindo estas tarefas con mulleres.
A concelleira da Muller, Silvia Agrafojo, explica que “debido á gran aceptación que tivo o concurso o ano pasado para poñer en valor a participación da muller no mundo laboral, nesta ocasión optamos por outra temática como é a corresponsabilidade familiar, o reparto equitativo das tarefas domésticas e o coidado dos menores e maiores entre os membros da familia”. Na pasada edición do concurso participaron 35 fotografías, que recibiron un total de 2.789 votos de 1.418 internautas diferentes.
Todas as persoas que desexen participar nesta segunda edición deberán enviar a súa imaxe (ata un máximo de 5) por mensaxe privada ao Facebook do Concello de Lousame (www.facebook.com/concellodelousame), por WhatsApp ao número 689 126 385 ou por correo electrónico ao e-mail: igualdade@concellodelousame.gal. En todos os casos é preciso indicar o nome da persoa na imaxe e o labor que está a desenvolver (que será o que se recolla na publicación no evento para o concurso). Gañará a imaxe que reciba máis “Me gusta” por parte dos internautas na votación que estará aberta ata o vindeiro 4 de marzo, ás 15:00 horas.
Premios
O Concello de Lousame premiará ao autor/autora da imaxe gañadora cunha tarxeta regalo “3 días en rincóns únicos”, que inclúe unha estancia de 2 noites con almorzos para dúas persoas. Así mesmo, sorteará unha segunda tarxeta regalo “Escapada con encanto”, que inclúe unha estancia dunha noite con almorzo para 2 persoas, entre todas as persoas que voten pola súa imaxe favorita no Facebook. Cada persoa poderá votar cantas imaxes queira, se ben o seu nome só entrará unha vez no sorteo.
As fotografías deberán presentarse en formato dixital e deberán ter unha resolución mínima que permita, cando menos, a súa reprodución sen pixelar nunha pantalla de ordenador. Ademais, aquelas fotos nas que apareza unha persoa identificable deberán contar co consentimento da persoa retratada, admitíndose a posibilidade de que aquelas persoas que o desexen poidan pixelar as caras dos nenos/as que aparezan na fotografía.
O Concello de Lousame utilizará todas as imaxes recollidas para conmemorar o 8 de marzo o Día da Muller Traballadora, organizando con elas unha exposición que poderá visitarse ese venres 8 de marzo na Casa da Cultura.