Friday 22 de November de 2024

Aberto o proceso de información pública da senda peonil que unirá a vila de Ordes co albergue de peregrinos de Poulo


O alcalde de Ordes, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e o delegado territorial da Xunta mantiveron unha xuntanza para abordar este proxecto cuxo investimento ascende a 650.000 €

O alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo; a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez; e o delegado territorial da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro, mantiveron unha reunión na que se tratou o inicio do proceso de información pública do proxecto de execución da senda peonil na estrada AC-524.

Un encontro celebrado onte no mesmo Concello de Ordes e no que tamén participaron Ana Soneira, tenenta de alcalde de Ordes, así como persoal técnico. O investimento para esta nova infraestrutura ascende a preto de 650.000 euros que serán achegados pola Xunta de Galicia. O obxectivo é poder licitar as obras este verán e inicialas a finais deste ano para poder rematalas antes do Xacobeo 2021.

Esta nova senda permitirá a conexión con todas as garantías de seguridade do futuro albergue de peregrinos, situado en Poulo, coa vila de Ordes. En total terá unha lonxitude de case 1,3 km e constará dunha sección tipo de formigón coloreado de 2 metros separada da calzada cunha banda axardinada de 0,90 metros. Tamén se prevé a execución dunha pasarela de 15 metros sobre o río Cabrón. Para ser máis exactos transcorrerá pola marxe dereita da dita estrada partindo do itinerario peonil xa existente para rematar no punto quilométrico 0+500. Discorrerá polo núcleo de Ordes ata o p.q. 2+000, no lugar denominado A Costa.

Diminución do tráfico
Ademais de fomentar a mobilidade alternativa e diminuír o tráfico rodado motorizado da zona, este novo treito permitirá unir os centros educativos IES Nº1 e o colexio Alfonso Rodríguez Castelao, cos pavillóns polideportivos, locais comerciais e industriais, farmacias etc.

Deste xeito dáse resposta satisfactoria á petición formulada no seu día polo Concello de Ordes no seu afán de dotar ao municipio das infraestruturas necesarias para poder ofrecer un servizo de calidade tanto á poboación peregrina que percorre o Camiño Inglés como á veciñanza.

O trámite de información pública deste proxecto así como a relación individual de bens, dereitos e persoas propietarias afectadas por el xa se pode consultar dende onte, (xoves, 14 de febreiro), no Diario Oficial de Galicia (https://goo.gl/F4QNYY). O dito prazo finalizará o próximo 29 marzo.