Friday 22 de November de 2024

As axudas da PAC para agricultores e gandeiros mobilizaron o ano pasado en Mazaricos 3,4 m€ en 635 explotacións


O delegado territorial destacou que estas axudas son das máis importantes para este concello xa que a súa contía supera o orzamento municipal de 2,5 M€

Os agricultores e gandeiros de Galicia poden iniciar os trámites que regulan a aplicación dos pagamentos directos ás súas actividades e as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control no marco da Política Agraria Común (PAC) para o ano 2019. O prazo de presentación da chamada solicitude única está aberto ata o día 30 de abril.

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco, visitaron hoxe a Gandería Sar Serráns, dedicada ao vacún de leite, e destacou que “para as zonas rurais, estas axudas son as máis importantes tanto polo número de beneficiarios como polo importe concedido, e son básicas na aposta da Xunta por fomentar a competitividade da agricultura galega, para que o rural sexa sinónimo de emprendemento e xuventude e non de estancamento”.

Rodeiro informou que tan só en Mazaricos as axudas da PAC, orden que inclúe tanto os pagos directos á agricultura e ós gandeiros como as axudas ligadas ao desenvolvemento rural chegaron, en 2018, a 635 agricultores e gandeiros, cun investimento de arredor de 3,4 millóns de euros. Neste senso, destacou que no caso concreto de Mazaricos “estas achegas son das máis importantes que recibe o concello xa que superan incluso o seu orzamento municipal de 2,5 M€”.

Se tomamos como referencia toda a comarca do Barbanza en Boiro, Lousame, Mazaricos, Muros, Noia, Outes, a Pobra, Porto do Son e Rianxo, a Xunta axuda a 987 explotacións e investiu, a través da PAC, máis de 4,3 millóns de euros.

A nivel provincial, 11.588 agricultores e gandeiros da Coruña percibiron máis de 50 millóns de euros desta orden con estas dúas liñas de axudas.

O delegado tamén destacou a axilidade da Xunta de Galicia no trámite desta axudas, “xa que entre os pasados meses de novembro e decembro a administración autonómica xa realizou os ingresos correspondentes a arredor do 95% dos expedientes”.

Os beneficiarios destas subvencións directas incluídas na solicitude única deberán dispoñer de dereitos de pagamento básico, asignados en campañas anteriores a cada agricultor ou gandeiro, ou ben procedentes da reserva nacional ou de cesións. Ademais, os agricultores que apliquen prácticas beneficiosas para o clima ou o medio ambiente poderán ter un segundo pagamento. Por último, estas axudas tamén poderán suplementarse cando sexan solicitades por agricultores menores de 40 anos que comecen a súa actividade agrícola.

As axudas da PAC están financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e están vinculadas á superficie destinada a cultivos proteicos para a alimentación animal ou á produción de legumes de calidade. Tamén se destinan axudas ás explotacións que manteñan vacas nutrices, vacún de cebo ou vacún de leite, así como as de ovino e caprino.

Esta liña de axudas tamén teñen en conta os cultivos en zonas de montaña e para outras zonas con limitacións naturais para a actividade agraria, así como para explotacións de animais de razas autóctonas en perigo de extinción, para apicultura como medio de conservación da diversidade, para a xestión sustentable de pastos, a extensificación de vacún de leite e a produción de agricultura ecolóxica.