Á avespa velutina estalle soando o espertador. Co tempo de sol que estamos tendo dánse as condicións ideais para que as raíñas fundadoras de novas colonias saian do seu letargo invernal. Por iso agora comeza un dos momentos en que, segundo parece, é máis efectiva a loita contra desta especie invasora. A colocación de trampas preto dos lugares onde houbo niños o ano pasado pode axudar a conter o seu avance, ou polo menos a reducir algo a súa presenza preto de colmeares, hortas e vivendas. A asociación ecoloxista ADEGA instalará un posto no Mercado de Moeche deste sábado co obxectivo de explicar como e onde trampear e, ademais, tamén entregará de balde os trebellos para capturar as avespas.
O mercado dos sábados en Moeche é xa un referente en toda a volta para atopar produtos de calidade e, se cadra o máis importante, saídos na súa maioría do tecido produtivo local e comarcal. Pan, empanadas, verduras e hortalizas, queixo e outros lácteos, flor, artesanía, peixe… ducias de artigos a bo prezo e nun entorno que non só acolle transaccións comerciais, senón que tamén se complementa con eventos culturais ou, coma neste caso, con accións relacionadas co medio rural.
ADEGA está levando adiante unha campaña de loita contra a avespa asiática que require duplicar os esforzos precisamente nesta época do ano, cando as fundadoras abandonan os seus tobos en árbores e ribazos para construíren pequenos niños primarios onde criar a primeira remesa de obreiras. A cousa é que, por cada raíña que se pille neste momento, haberá un problema menos do que preocuparse a partir do verán, cando as avespas se multiplican rapidamente e son especialmente activas atacando as colmeas e as árbores froiteiras.
A asociación ecoloxista galega traerá ata o Mercado de Moeche un pequeno expositor con información sobre o ciclo vital da velutina e sobre os métodos máis efectivos para combatela. Tamén entregarán trampas coma as que calquera pode construír na casa utilizando unha botella de plástico. A recomendación que se fai neste momento para poder pillar o maior número posible de raíñas é poñer os engados en zonas onde o ano pasado aparecesen niños secundarios e tamén preto de árbores de floración temperá, como poden ser as camelias.