As persoas aspirantes deberán entregar a súa creación na Casa da Cultura de Brión antes deste venres 15 de febreiro
Últimos días para presentar orixinais á primeira edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, convocado polo Concello de Brión en colaboración coa Academia Galega de Teatro e con Edicións Positivas. Un galardón de carácter anual, dotado con 7.000 euros e coa edición da obra, e que está aberto a autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten unha obra dramática inédita, nunca antes premiada e escrita en lingua galega.
O prazo de presentación está aberto ata este venres 15 de febreiro na Casa da Cultura de Brión onde, a día de hoxe, xa se recibiron un total de 22 participantes. “Estamos moi satisfeitos pola cantidade de obras participantes, pero agardamos que ao longo desta semana poidamos superar os trinta textos”, explica o técnico de Cultura, Alberto Álvarez. Unha afirmación que se sostén no feito de que durante a última semana chegaron unha decena de participantes.
Entrega de orixinais
Para participar no certame é preciso achegar cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite, dirixido á Casa da Cultura de Brión (Carballeira de Santa Minia nº 5, C.P. 15865, Brión. A Coruña). Deberase indicar no exterior do sobre “1º Premio Laudamuco para Textos Teatrais 2019”. Nun sobre anexo pechado deberá figurar: o lema (no exterior) e os datos persoais da autora ou autor: nome, apelidos, DNI, enderezo postal, número de teléfono, correo electrónico e currículo da autora ou autor (no interior).
O xurado do premio estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da arte teatral. Será proposto pola Academia Galega de Teatro e nomeado polo alcalde de Brión. Actuará como secretario/a a persoa elixida por maioría entre os membros integrantes. Na proposta de resolución do xurado haberá unha única obra gañadora. Unha vez emitida a súa resolución, procederase á apertura da plica gañadora nun acto público na data e lugar que se anunciarán oportunamente. O veredicto do xurado, que poderá declarar deserto o premio, será inapelable.
A entrega do “I Premio Laudamuco” terá lugar o 16 de maio de 2019 no transcurso dun acto organizado polo Concello de Brión co gallo do 41 aniversario da posta en escena de Laudamuco, señor de ningures. Trala entrega e aceptación do premio, a Academia Galega de Teatro resérvase o dereito de facer unha lectura dramatizada do texto sen que iso supoña compensación económica para o/a autor/a premiado/a.
Os orixinais non premiados poderán ser retirados das dependencias da Casa da Cultura do Concello de Brión no prazo de 30 días naturais a partir do seguinte da decisión do xurado. Aqueles orixinais que non sexan retirados serán destruídos.