O conselleiro de Cultura e Turismo presidiu unha xuntanza cos principais axentes públicos e privados da cidade cara á planificación do vindeiro Ano Santo
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, convocou a toda a cidadanía e aos sectores implicados a traballar xuntos para reforzar Santiago de Compostela como destino de calidade. Nunha xuntanza con medio centenar de axentes públicos e privados representantes dos distintos ámbitos da capital, o conselleiro animou a impulsar medidas que, coa vista posta no Xacobeo 2021, fortalezan a meta do Camiño de Santiago como un lugar mellor para visitar e para vivir.
Román Rodríguez, acompañado pola directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, chamou a atención sobre o carácter universal e a tradición acolledora de Santiago, que forman parte da súa identidade fundacional e que debe saber preservar. Para iso, apelou á formula de anticipación, coordinación e participación ante un dos eventos máis relevantes desde o punto de vista cultural e turístico que celebrará España nos próximos anos.
“O Xacobeo 21 pode supoñer un punto de inflexión para Santiago de Compostela, que debe recuperar o mellor de si mesma e que aínda garda un enorme potencial descoñecido que o Ano Santo ten que axudarnos a revalorizar e saber compartir”, declarou o conselleiro.
Deixar pegada a partir de 2022
Neste sentido, afirmou que o obxectivo é xerar unha celebración “con efectos verdadeiros e concibida baixo a premisa da sustentabilidade económica, social e medioambiental”. Como subliñou, “queremos un Xacobeo que deixe pegada e repercuta no desenvolvemento de Galicia. O noso interese tamén hai que situalo a partir do 1 de xaneiro de 2022”, sinalou.
Malia que o Goberno galego está a deseñar un Xacobeo 21 descentralizado, que chegue a todos os concellos da Comunidade, “todos os itinerarios conducen a un mesmo lugar. Por iso –salientou– Santiago encara, de xeito particular, un desafío que esixe un nivel de implicación e de preparación aínda máis elevado e que debe realizarse con visión e con previsión”.
Ao longo da xuntanza, Nava Castro encargouse de presentar o panorama actual do turismo compostelán, nun contexto de retroceso no número de turistas aloxados e mellor repartidos durante todo o ano grazas á estratexia de desestacionalización. De feito, a tempada baixa medrou un 4,5% en Santiago no último ano. Sen embargo, mantense certa percepción de concentración elevada de visitantes en determinados puntos. Isto, en opinión da Xunta, fai necesario afondar na diversificación de fluxos como oportunidade para abrir o turismo ao resto da cidade e aos concellos limítrofes cun traballo que supere visións municipalistas. Máis se cabe tendo en conta que o pasado Xacobeo 2010 a cifra de peregrinos aumentou un 86% e o número de turistas aloxados en Santiago incrementou un 25% respecto ao 2009.
Santiago conta con numerosos recursos de interese cultural e turístico sobre os que se pode construír unha singular oferta. Por suposto, a Catedral é a súa contorna próxima son os lugares de referencia, pero hai outros polos de atracción susceptibles de diversificar os fluxos turísticos e achegar así aos visitantes experiencias de gran atractivo, como por exemplo o complexo de Bonaval ou o eixo Sar-Gaiás, entre outros.
“Á luz destas cifras, temos que deseñar estratexias que sexan quen de manter o noso turismo nun nivel óptimo desde o punto de vista da calidade e da sustentabilidade”, sostivo o conselleiro, que fixo referencia a recente enquisa levada a cabo a nivel internacional pola Organización Mundial do Turismo (OMT), coa que a Xunta comparte os seus obxectivos.
Dita enquisa conclúe que España é un dos territorios onde se percibe con maior claridade o positivo impacto do turismo na xeración de ingresos, no intercambio cultural, o mantemento do patrimonio ou a creación de oferta de actividades recreativas e culturais, entre outros.
Implicación local
Neste sentido, apóstase pola implicación das comunidades locais nestes procesos, ademais de favorecer dita repercusión. Vese preciso, igualmente, promover o turismo entre diferentes perfís de visitantes e a distribución de turistas durante todo o ano. Así mesmo, incídese na necesidade de promover a dispersión dos visitantes tanto dentro como fóra da cidade e medir e monitorizar o turismo. A propósito, Román Rodríguez sinalou que a Xunta pediu ao Goberno central un Plan Estatal de Estatística que mellore as fontes de información e avanzou a realización dunha análise a cargo de profesionais universitarios, coa coordinación do catedrático de Antón Álvarez Sousa, coordinador do Mestrado en Planificación e Xestión de Destinos e Produtos Turísticos. O obxectivo principal expresado polo conselleiro é a consecución de medidas para poñer en práctica nos próximos anos.
“Cremos prioritario deseñar unha estratexia que sexa quen de xestionar o turismo a través de medidas como a dispersión de visitantes desde o centro cara outras zonas, potenciando novos itinerarios, dando impulso a lugares menos frecuentados e incentivando a desestacionalización”, asegurou o conselleiro sobre o deseño dun novo espazo turístico e cultural que teña en conta toda a oferta da cidade e á súa contorna, incorporando e potenciando a pegada xacobea, museos, patrimonio relixioso e civil, Cidade de Cultura, Universidade, comercio, artesanía, festas, natureza ou recursos enogastronómicos.