Saturday 16 de November de 2024

O Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia promove o seu itinerario no Fairway 2019


 

Teresa Villaverde deu conta dos avances realizados para conseguir o recoñecemento do itinerario cultural a Santiago pola Ría de Muros-Noia

A Feira dos Camiños de Santiago “Fairway 2019” acolleu esta mañá a reunión da Mesa de Traballo do Camiño da Ría de Muros-Noia correspondente ao mes de febreiro. Un encontro no que participaron representantes dos nove Concellos implicados na oficialización deste itinerario xacobeo: Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago de Compostela.

A coordinadora da agrupación de Concellos do Itinerario Cultural a Santiago da Ría de Muros-Noia, Teresa Villaverde, deu conta nesta mesa de traballo dos últimos pasos dados na consecución o obxectivo da oficialización do Camiño. Neste senso, explicou que xa se lle entregou ao conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, unha copia do traballo Recompilación e análise da documentación histórica. Camiño de peregrinación a Santiago de Compostela pola Ría de Muros-Noia que “o conselleiro recibiu moi positivamente, polo que seguiremos mantendo reunións con Patrimonio para axilizar a emisión do informe sobre a historicidade do Camiño”, explicou.

Así mesmo, Teresa Villaverde concretou que xa está en marcha o proxecto de delimitación do trazado do Camiño a Santiago da Ría de Muros-Noia. Un traballo que conta cun orzamento de preto de 20.000 euros e que estará finalizado de cara a este verán. Neste sentido, explicou aos representantes municipais que “os técnicos que traballen na delimitación do trazado terán reunións periódicas para ir consensuando o trazado, de xeito que os alcaldes e alcaldesas terán coñecemento de todo o que se faga antes ca ninguén”. Así mesmo, pediu aos presentes “altura de miras para solventar calquera incidencia que poida xurdír, co obxectivo sempre claro de chegar ao Xacobeo 2021”.

Compostelá

Ademais, Villaverde informou dunha reunión coa “Travesía Náutica Xacobeo” e anunciou novas reunións con “Navega o Camiño” e a ruta “O Cabaleiro das cunchas” de cara a formalizar un convenio “para canalizar as entradas náuticas de peregrinos pola ría e así poder obter a Compostelá. Neste sentido, tamén pediremos unha reunión co Arcebispado para que se poda obter a Compostelá realizando este Camiño”. Ademais, a asociación tamén manterá unha reunión coa Deputación da Coruña, hoxe representada en Faiway polo deputado Antonio Leira.

Finalmente, os representantes municipais deron conta dos avances na tramitación dos estatutos da Asociación de Concellos do Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia. “Quedamos que na próxima reunión traerían todo avanzado para que se poidan comezar a levar aos respectivos Plenos municipais a partir do próximo encontro”, apunta Villaverde.

Participantes

Á reunión da Mesa de Traballo do Camiño da Ría de Muros-Noia asistiron a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, os seus homólogos de Noia, Santiago Freire Abeijón; Porto do Son, Luis Oujo Pouso; Rois, Ramón Tojo Lens; Muros, María Xosé Afonso, e Santiago, Martiño Noriega. Tamén acudiron a concelleira de Promoción Económica de Ames, Isabel González, e mais o edil de Espazos Cidadáns de Santiago, Jorge Duarte Vázquez, así como os técnicos de Turismo de Brión e Serra de Outes.

O encontro desenvolveuse no stand do Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia en Fairway 2019, xestionado polo Xeodestino Ría de Muros-Noia, financiado pola ARD Ría de Muros-Noia e atendido pola Asociación de Amigos do Camiño da Ría de Muros-Noia. A través deste espazo preténdese ofrecer a profesionais e público xeral que se acoden a esta cita unha visión institucional desta candidatura e do traballo que concellos e asociacións están realizando para conseguir a oficialización deste trazado xacobeo, xa que o produto turístico final pretende ser lanzado no Xacobeo 2021