A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, asinaron o convenio de colaboración que prevé un investimento de máis de 80.000 euros
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá que o departamento que dirixe licitará no mes de marzo as obras de humanización e ordenación da Praza das Américas, no Concello de Noia. Así llo trasladou ao rexedor municipal, Santiago Freire Abeijón, co que asinou o convenio de colaboración que permitirá a execución dos traballos necesarios para mellorar este punto da vila de Noia e que recolle un investimento de máis de 80.000 euros, dos cales a Xunta aportará un 70% (case 60.000 euros) e a parte restante, o Concello.
Santiago Freire agradece a colaboración da Consellería, pois “supón un investimento de 82.000 euros nunha zona como é a entrada a San Lázaro e a Praza das Américas onde imos reorganizar o estacionamento, aumentaremos a seguridade viaria e melloraremos o seu aspecto paisaxístico, contribuíndo, deste xeito, á súa integración co casco histórico da vila”.
Así mesmo, o alcalde celebrou que “cada plantexamento que fixemos para Noia recibiu unha resposta positiva da conselleira, como a actuación que imos facer nas marxes do río Traba, que proximamente poderemos detallar”. A conselleira avanzou que “será unha senda a carón do río que permitirá que Noia conte cunha nova opción para incentivar o turismo e que os veciños e veciñas poidan desfrutar dunha senda de calidade”.
Por último, Vázquez referiuse ao PXOM noiés, explicando que “estamos en contacto, estamos traballando e agardo que en breve sexa unha realidade. É un tema prioritario para o Concello e dende a Xunta o asumimos como tal”.
Colaboración
Ángeles Vázquez salientou que esta actuación é un “bo e claro” exemplo da necesidade de estreitar lazos e colaboracións entre as administracións, un dos obxectivos do Plan hUrbe -programa polo que se executa esta obra e posto en marcha polo Goberno galego en 2010- que tamén ten entre as súas finalidades fomentar a humanización das vilas de Galicia e promover o reequilibrio territorial na comunidade.
Así, esta colaboración contribuirá a mellorar a calidade de vida da veciñanza e da xente que se achegue ata Noia. Contarán cunha Praza das Américas e a súa contorna reorganizada dun xeito máis funcional, o movemento dos vehículos e dos peóns mellor ordenado e racionalizarase o espazo destinado a aparcadoiro, tal e como indicou o alcalde.
A conselleira salientou que se trata dunha zona moi concorrida, pola súa proximidade ao Centro de Saúde, pola importante ocupación residencial e tamén por ser un punto relevante para o comercio noiés, con negocios, locais, comercio e distintos servizos. Deste xeito, ao termo das obras, os usuarios e usuarias desta área contarán con beirrarúas máis amplas, pavimentos adaptados ás persoas con discapacidades sensoriais, zonas axardinadas.
Por último, Ángeles Vázquez destacou que este tipo de actuacións dan cumprimento ao reto do Goberno galego de acadar un urbanismo responsable e apostar pola recuperación das vilas e cidades galegas; en definitiva, pola preservación da identidade de Galicia.