Friday 22 de November de 2024

Os Concellos de Boqueixón, Vedra e Vila de Cruces amosarán a súa oferta turística nun stand conxunto no Fairway Santiago


 

Os tres municipios darán a coñecer os seu potencial nesta feira internacional

Os Concello de Boqueixón, Vedra e Vila de Cruces promocionarán os seus recursos turísticos, culturais e empresariais vencellados cos Camiños de Santiago no Fairway III Fórum do Camiño de Santiago. Os tres municipios do Val do Ulla participarán nesta cita, que se desenvolverá entre os días 10 e 12 de febreiro no Palacio de Congresos de Santiago. No seu expositor conxunto aproveitarán para dar a coñecer as amplas posibilidades que os tres municipios poden ofrecer ás persoas que acoden a Compostela a través de calquera destes itinerarios.

Áreas naturais e recreativas, patrimonio cultural, histórico e artístico, comercio de proximidade e de calidade son só algunhas das propostas que se porán ao alcance das persoas que visiten entre o domingo e o martes a feira Fairway. Os tres concellos agardan ampliar o coñecemento sobre o territorio que conforma o Val do Ulla ao tempo que aproveitarán para establecer contactos estratéxicos de cara a mellorar os servizos ofertados a visitantes.