Thursday 21 de November de 2024

O polideportivo de Lousame acolle mañá sábado unha charla sobre a importancia do traballo de forza no rendemento deportivo


 

O polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra de Lousame acollerá mañá sábado 9 de febreiro, ás 19:00 horas, a xornada “A importancia do traballo de forza no rendemento deportivo”, organizada polo Club Lousame Deporte en colaboración do Concello de Lousame. A charla está dirixida tanto a clubs deportivos como a deportistas en xeral e a entrada é libre e de balde, sen necesidade de inscrición previa.

A xornada será impartida por Paulo de la Fuente Pérez, preparador físico e asesor de equipos UCI PRO, quen ofrecerá en Lousame unha sesión teórico-práctica para a formación no adestramento de forza e como convertelo nun adestramento persoal a medida. O obxectivo é que o/a deportista coñeza os seus límites para, deste xeito, poder superalos.

Paulo de la Fuente é licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, especialidade Rendemento Deportivo; e Master Universitario en Alto Rendemento pola Universidade de Murcia, onde pertence ao grupo de investigación de HP SportsScience. Comezou adestrando deportistas e equipos durante a súa época universitaria e actualmente desempeña as funcións de asesor de equipos UCI PRO; adestrador de deportistas profesionais, amateur, master e en formación; e adestrador de equipos de remo en banco fixo.