Thursday 21 de November de 2024

Este sábado poderemos pilotar un dron na nave do Mercado de Moeche


 

¿Que se sentirá pilotando un dron vendo o mesmo que se fosemos a bordo del? ¿Que impresión dará manexar un coche teledirixido coma se fosemos realmente ao seu volante? A estas preguntas daráselle resposta o sábado pola mañá nun obradoiro que se desenvolverá das 11.30 ás 13.30h. na nave do Mercado de Moeche como actividade complementaria á propia cita comercial. Nela aprenderemos a levar unha desas pequenas aeronaves chamadas a revolucionar o entretemento e os negocios, pero tamén teremos oportunidade de guiar un bólido a escala coa novidade de que en ambos casos gozaremos da sensación de control e velocidade en primeira persoa, poñéndonos no lugar dun piloto en miniatura. Este obradoiro é gratuíto e non fará falla inscrición previa, xa que abondará con agardar a quenda ata que nos toque. Ah, e para participar nel tampouco haberá idade mínima nin máxima.

Os RPA’s -nome técnico co que se define o que comunmente coñecemos como “drons”- están de moda. Cada vez máis sofisticados, baratos e doados de pilotar, convertéronse tanto nun entretemento coma nunha ferramenta de traballo polivalente para facer medicións, inspeccionar infraestruturas ou facer fotos e gravar vídeos espectaculares. Hai arredor de cinco anos eran poucas as persoas que oíran a palabra e hoxe xa forma parte do diccionario da Real Academia Española (o da RAG aínda non a incorporou). Con ela denomínase de forma xenérica calquera aeronave non tripulada e manexada por control remoto. A máis barata custa uns 20 euros, e a partir de aí todo o que se queira gastar, aínda que a maior tamaño e aplicacións, tamén maiores restricións legais para o seu uso.

Os drons que haberá o sábado no mercado son xoguetes de ultra alta tecnoloxía coma os que protagonizan nas últimas temporadas os agasallos estrela de Nadal, Reis e aniversarios. Poden manexarse cun mando específico, cun móbil ou cunha táblet. Tamén permiten seleccionar distintos tipos de voo, desde o totalmente automático ata o máis sensible e rápido co que botar unhas carreiras.

Pero a súa funcionalidade máis espectacular é a de facernos sentir que estamos voando. Grazas a unha cámara e a uns anteollos de realidade virtual podemos ver en primeira persoa as evolucións do voo talmente coma se fosemos dentro do aparello. E o que funciona para un dron funciona tamén para un coche teledirixido dos de toda a vida. Montando nel unha minicámara que mande imaxes aos lentes electrónicos viviremos a experiencia de guiar a toda velocidade, derrapando e sorteando obstáculos sen medo a accidentes.

Todas estas emocións, gratis no Mercado de Moeche entre as 11.30 e as 13.30h. Para o desenvolvemento desta proposta de lecer delimitarase a parte diáfana da nave. Será tamén alí onde haberá que agardar a vez para probar os drons e coches teledirixidos. Non fará falla inscribirse e a actividade está aberta á rapazada e a persoas adultas.

O Concello organizou esta actividade dentro da estratexia de enriquecer o mercado cunha oferta paralela relacionada coa cultura e a creatividade. Ademais, facer un obradoiro con drons tamén foi unha petición expresada polos nenos e nenas a través do Grupo de Participación do Consello Local da Infancia e a Adolescencia.