Friday 22 de November de 2024

O auditorio do centro social polivalente de Brión acolle mañá a primeira sesión do sexto ciclo “Venres Musicais” da ESMU Magariños


A Escola Municipal de Música Magariños de Brión organiza o ciclo “Venres musicais”, que chega á súa sexta edición e que inclúe dous concertos. O primeiro deles terán lugar mañá venres 8 de febreiro no auditorio do centro social polivalente de Brión, ás 20:00 horas. A entrada é libre e de balde.

O concerto contará “cun repertorio variado de obras, dende o clasicismo ata obras modernas e de carácter popular”, explica Carlos Pintor, director da ESMU Magariños. A interpretación estará a cargo do alumnado de piano e guitarra do Nivel II do Plan Educativo Xeral (PEX), é dicir, dos tres primeiros cursos da escola.

Carlos Pintor lembra que os “Venres musicais” naceron “para facer da aprendizaxe do instrumento e a interpretación unha xuntanza que vaia na mesma liña. Queremos así converter a audición diante do público, nun feito cotián para os nenos e nenas que estudan na nosa escola”.

Os “Venres Musicais” están organizados pola ESMU Magariños, que conta coa colaboración do Concello de Brión, a Deputación Provincial da Coruña e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. O seguinte concerto terá lugar o venres 22 de marzo, no mesmo espazo escénico e á mesma hora, por parte do alumnado dos Niveis II e III.