As obras serán acometidas pola empresa Construcciones Ponciano Nieto SL e suporán a mellora, reurbanización e humanización da AC-311 no tramo entre a gasolineira e a capela de San Bernardo
O alcalde de Noia, Santiago Freire, amosa a súa satisfacción pola resolución da licitación do proxecto de mellora, reurbanización e humanización da estrada AC-311, entre os puntos quilométricos 2,800 e 3,120 (entre a gasolineira e a capela de San Bernardo) no concello de Noia. Unha obra que licitada pola Axencia Galega de Infraestruturas e cuxa tramitación alongouse varios meses ata que, onte martes, a mesa de contratación decidiu propoñer a adxudicación do procedemento á empresa Construcciones Ponciano Nieto SL por un prezo de 209.309,48 euros.
Freire Abeijón destaca que “é unha obra moi demandada polos veciños e veciñas xa que suporá unha reordenación e unha configuración máis urbana e humanizada para o barrio de San Bernardo, unha das principais entradas a Noia”. Neste sentido, o alcalde noiés explica que “o procedemento de adxudicación alongouse máis do desexado debido a que tres das dez empresas que se presentaron incorreron en baixas temerarias, que non puideron xustificar pero que provocou que a adxudicación se alongara varios meses”. Ademais, apunta que “unha vez máis se demostra que as xestións realizadas dende o Concello ao longo dos meses rematan tendo os seus froitos e se concretan en proxectos que mellorarán a calidade de vida dos veciños e veciñas de Noia”.
Catro meses
As obras de mellora, reurbanización e humanización da estrada AC-311, entre os puntos quilométricos 2,800 e 3,120, foron adxudicadas á empres Construcciones Ponciano Nieto SL por 209.309,48 euros (IVE incluído) e contan cun prazo de execución de 4 meses. Na actualidade, na marxe dereita do tramo non existe unha continuidade da beirarrúa, polo que os peóns teñen que circular en varias zonas polo arcén da estrada ou entre os vehículos estacionados. A isto hai que engadir que as beirarrúas existentes están bastante deterioradas e os seus anchos non cumpren cos parámetros mínimos establecidos pola normativa vixente.
Para dar solución a estas deficiencias e humanizar este tramo, modificarase a sección transversal do tramo, acondicionando os firmes e pavimentos así como as redes de saneamento, abastecemento e alumeado público. Ademais, reducirase o ancho da calzada dos actuais 6,30 metros a 6 metros, de forma que o espazo libre se destinará a ampliar as beirarrúas. A calzada tamén será obxecto dunha mellora da súa capa de rodadura con mestura bituminosa en quente.
Ademais de ampliar as beirarrúas existentes, contruirase outra nova na marxe dereita en formigón en masa de 15 centímetros de espesor, tratado superficialmente cunha capa de rodadura cun acabado tipo formigón lavado. Colocarase baldosa de formigón botonera nas zonas de cruces e nos pasos de peóns.
A petición do Concello de Noia construiranse tres pasos de peóns sobreelevados para que funcionen como elemento redutor da velocidade neste tramo urbano. Finalmente, acometeranse actuacións de axardinamento a carón da capela de San Bernardo e instalación de novo mobiliario urbano na zona, así como plantar árbores sobre alcorques ao longo de todo o trazado.