Friday 22 de November de 2024

Xosé Manuel Bretal tomou posesión como novo xefe da Policía Local de Riveira


Xosé Manuel Bretal Laranga, de 55 anos de idade, é o novo xefe da Policía Local de Riveira logo da xubilación no pasado Nadal do seu antecesor, Pedro Fernández Iglesias.

Tomou oficialmente posesión do seu cargo nun acto desenvolvido no salón de plenos que estivo presidido polo alcalde Manuel Ruiz e que contou coa presenza de concelleiros da Corporación, compañeiros de policía local, autoridades e representantes doutros servizos de seguridade e emerxencias.

Durante a súa intervención, Xosé Manuel Bretal expresou a súa confianza en que as novas incorporacións programadas no corpo de policía (un por mobilidade, dous en sendos procesos selectivos, un oficial en comisión de servizos e doce auxiliares, así como a ampliación da oferta de emprego público para cubrir as dúas vacantes derivadas da xubilación de Pedro Fernández e de Jesús Millán) axuden a desenvolver o servizo con criterios de calidade.

Manuel Ruiz pola súa parte ensalzou as competencias da Policía Local, moitas veces inxustamente percibida polos cidadáns, e incidiu en que a súa función sancionadora só é unha das moitísimas tarefas que deben desenvolver día a día.