Thursday 21 de November de 2024

A alumna do IES de Brión Sara Picos Gómez, única española distinguida co premio “Juvenes Translatores” da Comisión Europea


 

A conselleira de Ensino, Yolanda Bouzas, salienta que “é o segundo premio europeo consecutivo que recae no IES Brión, o que demostra a gran calidade do ensino que se imparte no noso municipio”

Sara Picos Gómez, alumna do IES de Brión, é unha das 28 persoas gañadoras da duodécima edición do concurso “Juvenes Translatores”, tal e como anunciou hoxe luns a Comisión Europea. Un premio anual que convoca a Comisión Europea e ao que se presentaron 3.252 persoas procedentes de 751 centros escolares de toda a UE.

Sara Picos viaxará nos próximos meses a Bruxelas para recoller o seu premio e reunirse con tradutores profesionais do Executivo comunitario. A alumna do IES Brión elixiu traducir un texto do inglés ao español, polo que foi seleccionada entre todo o alumnado de ensino secundario, de 17 anos de idade, participante en España. A temática deste ano foi o Ano Europeo do Patrimonio Cultural.

Este non é o primeiro premio nacional que recollerá Sara Picos, que en 2017 gañou o IV Concurso Científico Literario da Escola de Máster e Doutorado da Universidade da Rioja, cando cursaba 4º da ESO no Instituto de Ames. Ademais, o ano pasado, xa no IES Brión, formou parte do equipo BriónXBOT, que gañou o primeiro premio do concurso “Sensores 2018” de IGACIENCIA e o premio “Desafío programación”, do premio de innovación educativa “Desafíos STEM: programación, robótica e impresión 3D” da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Segundo ano consecutivo

A concelleira de Ensino de Brión, Yolanda Bouzas, felicita a Sara Picos e ao IES Brion por este galardón pois “é o segundo premio consecutivo que recae no IES Brión, o que demostra a gran calidade do ensino que se imparte no noso municipio”. De feito, o pasado 2018, Pablo Villar Abeijón tamén recolleu en Bruxelas o galardón que o acreditaba como gañador español da undécima edición do “Juvenes Translatores”.

A Dirección Xeral de Tradución da Comisión Europea organiza cada ano desde 2007 este concurso, baixo a denominación de “Juvenes Translatores”, que en latín significa “tradutores novos”. O principal obxectivo desta iniciativa é promover a aprendizaxe de linguas nos centros de ensino e dar aos mozos e mozas unha idea do que é o traballo do tradutor e da tradutora. O certame está dirixido ao alumnado de ensino secundario de 17 anos de idade, e a súa participación está aberta aos centros seleccionados dentro da Unión Europea. Esta iniciativa animou a algúns dos participantes a cursar estudos lingüísticos na universidade e a converterse en tradutores profesionais.