Ovidio Rodeiro e Santiago Freire visitaron as instalacións da panificadora Dubraseda S.L unha das beneficiarias destas axudas
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañado polo alcalde de Noia, Santiago Freire, fixo balance, esta mañá, das axudas da Consellería de Medio Rural, xestionadas polo Agader, para a comarca Barbanza do programa Leader para os anos 2018-2019. O Leader é un conxunto de medidas do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 que se xestionan a través dos GDR (Grupos de Desenvolvemento Rural) que teñen como obxectivo financiar proxectos para fixar poboación e xerar riqueza no rural. No conxunto de Galicia, os 24 grupos de desenvolvemento rural dispuxeron dun total de 17,5 millóns de euros na convocatoria 2018-2019.
O representante do goberno destacou que neste momento na comarca do Barbanza se están apoiando cinco proxectos do ámbito de iniciativa privada e asociativo, así como un promovido desde unha entidade pública, concretamente o concello de Noia, para construír un albergue de peregrinos. O importe destas axudas na comarca ascende a algo máis de 690.000 e están mobilizando un investimento que supera os 1,8 M€.
Ovidio Rodeiro informou destes datos durante a visita a un dos proxectos c orzamento máis elevado que foi o que presentou Dubraseda S.L, vinculado ao sector da alimentación humana, ubicado en Noia e que levou a cabo, con cargo á subvención Leader, a construcción dun obrador para a elaboración de masas conxeladas doces formado pola instalación dunha liña de formado de empanadas e a adquisición dunha nave existente. Os orzamento desta actuación ascendeu a 633.000 euros e contou cunha axuda de 200.000 euros.
O delegado territorial explicou que estes fondos van destinados a persoas físicas e xurídicas de carácter privado, entidades públicas de ámbito local, asociacións, entidades e comunidades de montes vecinais. As entidades encargadas de xestionar estas subvencións son os GDR e teñen como obxectivo os proxectos non produtivos dotar de servizos e equipamentos aos concellos que permitan mellorar a calidade de vida no rural e fixar poboación e os produtivos diversificar económicamente e modernizar a producción e animar a creación de emprego no medio rural. As axudas nesta comarca son xestionadas pola Asociación de Desarrollo Local DELOA e pola e polo GDR Costa da Morte no caso concreto de Carnota.
Nova convocatoria
O pasado mes de decembro abriuse a nova convocatoria cun orzamento das axudas superior aos 16,5 millóns de euros en dúas anualidades (6,6 millóns para 2019 e 9,9 para 2020) están cofinanciadas nun 75% polo Feader, nun 2,5% pola Administración xeral do Estado e nun 22,5 % pola Xunta. O crédito está xa previamente distribuído entre os grupos de desenvolvemento rural seleccionados no marco do PDR de Galicia 2014-2020. Aínda que o prazo de presentación de solicitudes é permanente durante todo o período de execución do Leader, concorrerán a esta convocatoria aquelas presentadas ata o 31 de marzo de 2019.
Unha vez tidas en conta as peticións recibidas ata esa data, e no caso de existir crédito orzamentario dispoñible, poderá realizarse unha segunda convocatoria, tendo en conta as solicitudes presentadas ata o 31 de maio de 2019.
Así, as solicitudes de axuda dirixiranse, tendo en conta a localización do investimento, ao GDR que corresponda e presentaranse no formulario e coa documentación prevista nas bases reguladoras desta convocatoria. Neste sentido, serán subvencionables proxectos de natureza produtiva que supoñan a realización dunha actividade económica e tamén proxectos de natureza non produtiva, consistentes na realización dunha actividade que sexa de interese público ou colectivo. A concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva a través de cada GDR.
Cabe recordar que a asignación total da medida Leader para o período 2014-2020 é de 84 millóns de euros. Os seus principais obxectivos pasan por mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural e dotar de servizos á poboación destas zonas, favorecendo a mellora do seu nivel de vida. Trátase tamén de favorecer a ocupación sustentable do territorio, prestando atención especial ás mulleres, aos mozos, ás persoas con capacidades diferentes ou maiores.
Ademais, o programa Leader ten como obxectivo buscar un desenvolvemento rural baseado na participación da poboación do territorio, integrando nel todos os recursos e actores económicos e humanos existentes. Para asegurar esa participación da sociedade rural existen 24 GDR en Galicia, que son os responsables de seleccionar os proxectos que lles permiten desenvolver as súas estratexias de desenvolvemento rural. Estes grupos son o elemento básico da metodoloxía Leader de abaixo cara arriba, coas súas estratexias que definen no ámbito rural e determinan as liñas concretas de aplicación das axudas e os proxectos para financiar.