Friday 22 de November de 2024

Alumnado do CPI de San Sadurniño participa no programa provincial “Suprime o control”


 

“Suprime o control” é un programa programa socieducativo de prevención de violencia de xénero orientado a adolescentes que se está levando a cabo en varios municipios da provincia menores de 20.000 habitantes. Trátase dunha iniciativa da Deputación da Coruña que persegue formar e concienciar ao respecto da igualdade, aínda que o seu cometido principal é que a xente máis nova sexa capaz de identificar e rexeitar as relacións de parella “tóxicas”, é dicir, aquelas nas que unha das partes exerce sobre da outra violencia física ou psíquica. Desconfianza, ciumes, falla de respecto… control, en definitiva, que cada vez se detecta a idades máis temperás e, polo tanto, razón máis que suficiente para combatelo nos centros de ensino. O alumnado e 3º e 4º da ESO do CPI de San Sadurniño participou durante tres días nunha serie de actividades que buscan reforzar as relacións baseadas no afecto, no respecto e sen submisións á outra persoa.

Os obradoiros desenvolvéronse os días 15, 22 e 29 de xaneiro con contidos adaptados á realidade da xente nova de San Sadurniño. Para afinar o contido das sesións fíxose previamente un pequeno estudo entre os e as adolescentes por medio dun cuestionario que se lles facilitou no primeiro trimestre do curso. Con el obtivose unha radiografía sobre os seus coñecementos e opinións ao respecto da violencia de xénero, das relacións entre iguais e as actitudes fronte á diversidade afectivo sexual.

A partir desta información confeccionáronse os programas de cada obradoiro. Na primeira sesión traballouse a resolución de conflitos nas relacións entre iguais e de parella. Na segunda afondouse no concepto que a mocidade ten sobre o amor, intentando desterrar os mitos do amor romántico que os medios de comunicación -a través de diferentes produtos culturais (cine, literatura e música)- inculcan xeración tras xeración. Xa na terceira e última sesión traballouse con profundidade a violencia de xénero na adolescencia, explicando os diferentes tipos de violencia, o propio ciclo da violencia e o papel das novas tecnoloxías e redes sociais como elemento facilitador.

Todos os obradoiros planificáronse como encontros participativos, utilizando xogos, dinámicas de grupo, dramatizacións ou role –playing, así como o uso do soporte audiovisual, a través de vídeos e curtametraxes, para facer as clases o máis amenas e motivadoras posible para o alumnado.

O programa non remata aquí, senón que está prevista a realización dun concurso de microrrelatos, que terá como premio a conversión da historia ganadora en curtametraxe, así como a posta en marcha dun servizo de asesoría whatsapp que estará operativo ata fin de curso no que o alumnado poderá realizar calquera consulta relacionada coas relacións de parella de maneira gratuíta e anónima.

Por último, a finais deste curso 2018/19 organizarase un encontro coas familias no propio centro educativo -aínda que estará aberto a calquera familia do concello- para ofrecerlles asesoramento no relativo á educación afectiva, sexual e emocional das súas fillas e fillos, ademais de pautas para a prevención da violencia de xénero e outras violencias machistas.