Friday 22 de November de 2024

Lousame acollerá este sábado unha xornada formativa sobre a importancia do traballo de forza no rendemento deportivo


 

Impartida por Paulo de la Fuente Pérez, preparador físico e asesor de equipos UCI PRO, a asistencia é libre e de balde

O polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra de Lousame acollerá o vindeiro sábado 9 de febreiro, ás 19:00 horas, a xornada formativa “A importancia do traballo de forza no rendemento deportivo”, impartida por Paulo de la Fuente Pérez, preparador físico e asesor de equipos UCI PRO. Unha xornada teórico-práctica organizada polo Club Lousame Deporte, en colaboración do Concello de Lousame, dirixida tanto a clubs deportivos como a deportistas en xeral. A asistencia é libre e de balde, sen necesidade de inscrición previa.

“Para superar os teus límites, debes coñecelos. Esta é unha das nosas máximas”, explica Paulo de La Fuente, quen apunta a necesidade de optimizar o adestramento para acadar os mellores resultados. “Conseguir sacar o máximo de cada deportista é a nosa obsesión”, apunta De la Fuente Pérez, quen en Lousame amosará un dos test que se realizan para conseguilo: unha sesión teórico-práctica para a formación no adestramento de forza e como convertelo nun adestramento persoal a medida.

Paulo de la Fuente é licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, especialidade Rendemento Deportivo; e Master Universitario en Alto Rendemento pola Universidade de Murcia, onde pertence ao grupo de investigación de HP SportsScience. Comezou adestrando deportistas e equipos durante a súa época universitaria e actualmente desempeña as funcións de asesor de equipos UCI PRO e adestrador de deportistas profesionais, amateur, master e en formación. Tamén é adestrador e asesor de equipos de remo en banco fixo.