Friday 22 de November de 2024

A veciñanza de Brión recupera máis de 19.000 pezas de roupa usada durante 2018, un 13% más co ano anterior


 

A veciñanza de Brión recuperou máis de 19.100 pezas de roupa usada durante o pasado ano 2018, o que representa un aumento do 13% con respecto ao ano 2017. Son datos recollidos por Humana, Fundación Pueblo para Pueblo, organización que promove a protección do medio ambiente a través da reutilización do téxtil, e que conta cun contedor de recollida en Pedrouzos, emprazado entre o centro de saúde e o local da banda de música de Brión.

Un servizo de recollida gratuíto que tamén supón un importante apoio ao medio ambiente, pois a colaboración da veciñanza brionesa supuxo evitar a emisión de 29 toneladas de CO2 á atmosfera durante 2018, pois de cada quilo de roupa que se reutiliza e non se incinera evítanse a emisión de 3,169 quilos de CO2, segundo datos da Comisión Europea. Os veciños e veciñas de Brión poden seguir achegando a roupa, o calzado, os complementos e os téxtiles do fogar que non utilizan no contedor de Humana, entidade que lles dará unha segunda vida.

A maiores, o Concello de Brión tamén mantén durante todo o ano o programa “Brión Solidario”, no que tamén se pode colaborar achegando roupa, calzado e todo tipo de enseres que solicitan as familias máis necesitadas do municipio. Un programa que se xestiona de forma totalmente anónima dende os Servizos Sociais municipais que, a través de e-mail, informa aos veciños e veciñas das necesidades concretas.