Xa temos data para degustar os riquísimos pratos de chanfaina visual que nos teñen preparados os realizadores e realizadoras que percorreron San Sadurniño na primeira fin de semana de setembro. O sábado 9 de febreiro a partir das 17.00h. a Casa da Cultura converterase nun cine de sesión continua onde se proxectarán un total de 23 pezas con distintas duracións e tamén temáticas, aínda que sempre co nexo común do territorio local. A estrea das curtas suporá, ademais, o arranque da sexta edición do encontro audiovisual.
O programa da tarde na Casa da Cultura comezará coa presentación de cada peza por parte dos seus autores e autoras e coa entrega dos agasallos a cada participante. O momento é aproveitado habitualmente para repasar a súa biografía creativa e para dar unhas pinceladas sobre a intencionalidade das pezas, unhas veces documental, outras veces ficticia, outras experimental. De feito, o Chanfaina Lab só pon como condición que os produtos se graven en espazos de San Sadurniño, xa sexa con historias que reflictan algún vencello co territorio ou no que este se poña ao servizo do argumento como simple escenario.
Tamén se pide que as curtametraxes sexan iso, curtametraxes, entendendo como tales aquelas producións inferiores a 30 minutos, aínda que se recomende tamén que non pasen de 10 para que a xornada das estreas sexa máis fluída e tamén para que despois funcionen ben nunha plataforma tan orientada á brevidade como é youtube.
Fóra do condicionante da duración e a esixencia espacial, o resto é cousa de cadaquén: os medios técnicos que queira dedicar, a orientación visual, a elección temática… Por iso o día da estrea esperta tanta expectación. As olladas dos realizadores e realizadoras son sempre sorprendentes e engadan a curiosidade do público local propoñéndolle retratos de San Sadurniño trazados desde fóra, pero tamén desde dentro. E é que no Chanfaina conviven creacións de directoras e directores de referencia no audiovisual galego con outras feitas por xente nova e non tan nova do propio concello, compartindo vivencias durante os tres días de gravación e despois impresións sobre o resultado no día da premiere.
Uns e outras -en total 32 persoas das que 15 son da casa- están citadas para o sábado 9 de febreiro ás 17.00h. na Casa da Cultura. E, se a cousa é tan puntual coma nas anteriores edicións, a iso das 17.30h. estaremos degustando xa as súas obras, que aínda estes días lle están chegando á organización do Chanfaina Lab.
O pase cinematográfico compóñeno 23 curtametraxes, polo que é posible que máis ou menos pola metade se faga unha pequena pausa, igual que nas antigas salas cando era obrigado parar para cambiar o rolo de celuloide. O programa da sesión é o seguinte:
“Cabeceira” – Roberto Bouza
“A rapaza que borboriñaba aos cabalos” – Catalina Rodríguez
“Rexistros (xeografía de San Sadurniño)” – Adrián Canoura
“Sen orde nin ficción” – Natalia Fernández
“A vista de cabalo do demo” – Bieito Beceiro
“Síntese” – Ángela Arnosa
“Xente bonita #1” – Cibrán Tenreiro
“The Sansa Stomp” – Iago Lourido
“Breixo” – Javier Seoane e Kevin Lorenzo
“Dereito a sermos vellas” – Irene Beceiro
“A chamada” – Simone Saibene
“Insomnio” – Sebastián Rodríguez
“Non teño dono” – The Sungirls
“Electra” – Carmen Bouza, Carmen Couce, Consuelo Picos e Cruz Piñón
“E fíxose a luz” – Fran Bermúdez
“O silencio dos eólicos” – Aser Álvarez
“Arrolo” – Lucía Estévez
“Unha casa de aldea” – Abel Vega
“Nena-Dina” -Andrés Goteira
“Conectado” – Pablo Martínez
“Irmandade” – Helena Girón e Samuel Delgado
“Nimbo” – Mar Catarina e Rubén Domínguez
“Soñadores” – Gabriel Tizón
As pezas correspóndense co remate da quinta edición do Chanfaina Lab, que vai encabalgando anos gravando sempre na primeira fin de semana de setembro e estreando a primeiros de febreiro do ano seguinte. A proxección das pezas filmadas o ano pasado supón o inicio do sexto Chanfaina, do que seguramente se nos adiante algo o propio día 9. A partir da semana seguinte as curtametraxes iranse subindo á canle de youtube do proxecto a razón de unha estrea cada venres.