Julio Bustelo explicou que a problemática provén de outubro de 2013 e “non podemos agardar máis para facer isto. Temos que rematar cos aparcamentos en dobre fila, en vados, en pasos de peóns… e que a Policía Local recupera a autoridade perdida”
O pleno de Noia aprobou a delegación das competencias en materia de multas de tráfico na Deputación Provincial da Coruña. Unha proposta da Alcaldía que saíu adiante cos votos a favor de Partido Popular, BNG e Marea Cidadá de Noia; a abstención do PSOE e o voto en contra do NOIA despois dun longo debate de máis dunha hora.
O alcalde de Noia, Santiago Freire, explicou que “intentamos por activa e por pasiva que esta xestión se puidera levar dende o Concello. Pero non foi posible e sería unha necidade persistir nun erro porque, cando se evidencia que unha situación non é a desexable, o que hai que facer é artellar unha solución”. Por iso, “ante o problema na recadación das multas, os informes da Policía Local sobre o funcionamento das PDAs e visto o escaso persoal dispoñible, para resolver a problemática planteada propoñemos a delegación na Deputación da prestación dos servizos en materia de multas e tramitación de sancións”.
Posicionamentos
A voceira do BNG, Irati García, defendeu o seu voto a favor en que “o sistema non está funcionando. Así se fixo constar en outubro de 2013” polo que “esta é unha situación que coñecemos de hai tempo e á que hai que poñerlle coto. Non nos gusta delegar unhas funcións pero estamos ante un problema que arrastramos dende hai demasiado tempo”.
Pola súa banda, o voceiro do NOIA, José Pérez, indicou que esta delegación “é unha mala noticia para o Concello de Noia” porque “se perde unha competencia e se perden recursos”. Así, lamentou que “se perderán 18.000 euros ao ano, o que supón 180.000 euros en 10 anos que non se poderán investir polo Concello”. Así mesmo, asegurou que “o 73% das multas son pagadas porque a xente o paga no período voluntario”, ao tempo que lamentou o gasto de 30.000 euros na aplicación das PDAs polo Goberno anterior. Finalmente, dirixiuse aos grupos da oposición para criticar que “non cren na Deputación e van mandarlle competencias á Deputación”.
O voceiro da Marea Cidadá de Noia, Manuel Seijas, respondeulle a José Pérez que “o argumento é lexítimo: que a competencia non se leve á Deputación. Pero a nós non nos convenceu cos seus datos e a nosa posición non varía”. Seijas preguntoulle ao concelleiro do NOIA sobre “quen se beneficia” da non instrución dos expedientes: “os listos que non pagan no período voluntario”. Así mesmo, puxo en dúbida os datos ofrecidos por Pérez porque “se perden 18.000 euros, pero non sabemos cantas sancións se deixaron sen recadar. Eses datos son oficiosos porque non temos os datos reais”, ao tempo que aventurou “aínda imos saír gañando”.
Pola súa banda, o voceiro do PSOE, José Manuel Lage, non quixo entrar no debate da proposta porque “o que toca é facer balance. O PSOE non lle vai resolver a patata quente ao PP”. Neste sentido, Lage asegurou que “o que traen son as súas desputas electorais, pero non vai utilizar ao noso grupo” e pediulle ao NOIA “que recoñezan que se equivocaron ao apoiar a moción de censura”. Lage insistiulle ao alcalde en que “se se chegou a xaneiro, debería deixarse así e ir ás eleccións. Buscan que llo resolvamos nós, pois non. Nós imos absternos”.
O concelleiro delegado de Policía Local, Julio Bustelo, agradeceu “o labor construtivo da oposición” pois “non pode agardarse máis para facer isto. Temos que rematar cos aparcamentos en dobre fila, en vados, en pasos de peóns… e que a Policía Local recupere a autoridade perdida”.
Cronoloxía
O concelleiro fixo un repaso cronolóxico da situación. “Como ben dixo a voceira do BNG, isto procede do 14 de outubro de 2013, cando unha funcionaria presentou no rexistro un informe de que o programa de xestión das sancións de tráfico non funcionaba”. Así mesmo, lembrou que en marzo de 2015 foi cando o anterior Goberno municipal comprou a nova aplicación, que chegou ao Concello en xuño dese mesmo ano. “En febreiro de 2016 empezaron as consultas sobre o funcionamento deste programa e se nos traslada que é deficiente”, explicou o concelleiro.
O 14 de abril de 2016, a xefa provincial de Tráfico informa de que o convenio que había asinado co Concello de Noia “é moi deficiente”. O 4 de xaneiro de 2018, a Secretaría advirte de que o sistema está bloqueado, situación ante a que o concelleiro delegado de Policía Local realiza xestión con distintos departamentos municipais para resolver a cuestión en varias datas. Ademais, en resposta ás cifras ofrecidas polo voceiro do NOIA, Bustelo explicou que o 26 de xuño de 2018, o Tesoureiro municipal emitiu un informe que recollía “unha baixada drástica da recadación entre os anos 2011 e 2015, pois se pasou dos 80.000 aos 22.000 euros”.
En contestación ao voceiro do PSOE, que lamentaba que a decisión se tomara en xaneiro e non o pasado mes de setembro, Bustelo explicou que “en setembro de 2018 foi cando o secretario municipal informa favorablemente á delegación da competencia da Deputación. Acto seguido, en novembro de 2018 realízanse dúas reunións con técnicos da Deputación para artellar a delegación e o 21 de xaneiro de 2019 a Interventora remite informe no que di que é preferible a delegación”.
Ademais, lembrou que “dos 93 concellos da provincia, só 60 teñen Policía Local e deles 48 teñen esta competencia delegada”. Finalmente, lembrou que o investimento nas PDAs non se perderá porque “poderanse utilizar tan pronto sexa posible a compatibilidade do programa da Deputación coa aplicación do Concello. Non temos que renunciar á inversión feita”.
Réplicas
Na segunda quenda de intervencións, Irati García reafirmouse na súa posición porque “non vemos outra solución posible a curto prazo”; mentres José Pérez reiterou que “cremos que é posible levalo dende aquí e non deixalo hipotecado en 10 anos”, rematando a súa intervención asegurando “que PP, BNG e Marea voten a favor é un titular simpático”. Manuel Seijas reiterou que “non queremos avalar unha proposta do Grupo de Goberno, senon dar resposta a unha situación en precario”, mentres que José Manuel Lage indicou que “facer de tontos útiles do PP é algo que non fará o partido socialista”, criticando que os populares “votaron en contra de sacar as prazas de Policía Local”. Finalmente, Julio Bustelo puntualizou que “a grúa non ten nada que ver con este acordo. É unha cuestión allea e seguirá funcionando dende o Concello”.
O alcalde de Noia, Santiago Freire, pechou o debate lembrando que “se non tomamos unha decisión, esta situación se seguiría mantendo no tempo”. Ao voceiro do PSOE explicoulle que “se non se trouxo en setembro é porque se intentou unha solución para artellalo dende aquí. Se se tivese atopado unha solución satisfactoria, non o estaríamos debatindo”. Sobre os datos ofrecidos no pleno, Freire Abeijón dixo que “cando se valoren os datos de recadación poderemos dicir se valeu a pena” e lembroulle ao voceiro socialista que “aquí díxose que non debiamos adherirnos ao proceso de selección de Policías Locais da Xunta de Galicia porque así habería máis posibilidades para que as prazas fosen ocupadas por xente de Noia. Pois ben, no proceso de selección quedan 17 persoas e ningunha delas é de Noia”.
Resto da sesión
O resto da sesión foi máis fluída e sen apenas debates. Así, o pleno aprobou cos votos a favor de PP, PSOE, NOIA e BNG, e a abstención da Marea Cidadá de Noia, as incorporacións ao inventario municipal do Casino de Noia e da obra “Sinalización e seguridade viaria no casco urbano de Noia”, xa que eran dúas condicións establecidas nas subvencións recibidas en ambas obras. Así mesmo, aprobouse un modificado do proxecto “Nova rede de Bombeo a Barquiña-Río do Porto”, incluído no POS+2018, que queda orzamentado en 230.787,10 euros. O modificado aprobouse cos votos a favor do PP e do NOIA e a abstención do resto de grupos.
Todos os grupos municipais, salvo a Marea de Noia que se abstivo, aprobaron a adhesión de Noia á iniciativa europea do Pacto dos Alcaldes para o clima e a enerxía, polo cal o Concello comprometerase a elaborar un Plan de Acción Para o Clima e a Enerxía Sostible no prazo de dous anos e integrar nel os aspectos relacionados coa mitigación e adaptación para loitar contra o cambio climático.
Crédito extraordinario
O pleno tamén acordou a terminación do expediente de crédito extraordinario 5/2018 iniciado na sesión de novembro de 2018 para o pago de facturas presentadas entre o 1 de agosto e o 31 de outubro por un importe de 303.155,45 euros. O alcalde Santiago Freire explicou que “tramitouse este expediente para facer efectivos eses pagos antes de finais de 2018 pero, tras a súa exposición pública, presentouse un recurso o último día para facer alegacións que conlevou, tal e como se tiña advertido neste pleno, que o expediente non quedara concluído”.
Neste sentido, explicou que “con ese recurso provocouse que esas facturas teñan que aplicarse ao exercicio de 2019 e para os provedores suporá unha demora no tempo de pago. Agora o que toca é rematar o procedemento”. A proposta saíu adiante sen debate, salvo unha breve intervención da voceira do BNG para xustificar o seu voto en contra porque “non me gusta como se da fin ao expediente”. A proposta saíu adiante cos votos a favor do PP e NOIA, as abstencións de PSOE e Marea Cidadá de Noia; e o voto en contra do BNG.
Despedida concelleira
Antes de entrar na quenda de mocións, o pleno tomou coñecemento da renuncia ao cargo da concelleira do PP Ana Belén García Vidal, responsable das áreas de Relacións Veciñais, Réxime Interno, Servizos Públicos e Relacións Institucionais. Ana García amosouse “orgullosa de ter formado parte desta corporación”, amosou o seu “apoio incondicional ao alcalde” e explicou que “sinto ter que presentar a renuncia, que se debe a motivos estritamente laborais pois vou traballar en Santiago e é imposible dedicarme ás miñas responsabilidades”.
Todos os grupos municipais coincidiron en desexarlle o mellor á ex concelleira no seu futuro laboral e persoal. O voceiro do PP, Julio Bustelo, asegurou que Ana García “é unha persoa dificilmente substituíble porque se toma as cousas coa máxima implicación e é moi leal co seu traballo”. Finalmente, o alcalde noiés desexoulle “toda a sorte do mundo nesta nova responsabilidade” e asegurou que o seu traballo á fronte da súa Concellería “foi eficaz e responsables. Estamos moi orgullosos do traballo realizado nas distintas áreas da túa competencia”.
Mocións
Finalmente, todas as mocións presentadas foron aprobada por unanimidade, coa excepción da do BNG para a concesión de axudas a persoas deportistas do Concello de Noia, que foi retirada pola voceira nacionalista para que a cuestión sexa debatida nunha comisión informativa que se convocará a próxima semana. Unha comisión que debaterá a posibilidade de conceder unha subvención nominativa á Cruz Vermella de Noia para a substitución da súa ambulancia, que o 28 de febreiro deixa de prestar servizo. A petición da Marea de Noia foi aceptada por Santiago Freire, quen indicou que “valoraremos a posibilidade de que a Cruz Vermella participe nesa comisión para establecer a contía necesaria para esa subvención”.
Tamén se aprobaron, sen debate e por unanimidade, a moción da Marea Cidadá de Noia para instar ao CHUS a que garanta a contratación de persoal e habilite o espazo necesario para ter unha sanidade de calidade; e a moción do PSOE sobre a violencia de xénero, na que se amosou a repulsa contra todo tipo de violencia contra as mulleres, pediuse tolerancia cero cos maltratadores e rexeitar acordos con formacións que apoian a redución da protección das mulleres.
Así mesmo, aprobouse unha moción do PSOE no que “pedimos un expediente informativo que permita localizar pozos e galerías soterradas e adoptar as medidas de seguridade necesarias”, segundo o seu voceiro, José M. Lage. A voceira nacionalista, Irati García, apuntou que “Protección Civil xa ten avanzado nesta cuestión”, elaborando un estudo e que “o Concello procedeu ao selado das mesmas”.
Pola súa banda, o alcalde de Noia aproveitou para explicar que despois das visitas realizadas por técnicos do Instituto Xeolóxico Mineiro, o Colexio de Xeólogos e a Xunta de Galicia para inspeccionar a zona onde tivo lugar un derrubo na Barquiña, “tratouse da sinatura dun convenio co Concello de Noia no que xa se fala de facer unha diagnose das galerías e pozos. A Consellería faríase cargo deste estudo, que rolda os 10.000 euros, para despois adoptar as medidas que fosen oportunas”.
Sobre o caso concreto da Barquiña, Freire Abeijón explicou que “estamos pendentes das primeiras conclusións dos estudos, despois haberá que ver quen asume os costes”, deixando claro que “o selado e o recheo vaino asumir o Concello, xa que as concesións están caducadas e non pode ser asumido polas compañías de seguros”.