Saturday 16 de November de 2024

Cerdido, Moeche e San Sadurniño reúnense co Xerente da área sanitaria para falar sobre a situación da atención pediátrica


 

A alcaldesa de Moeche e mailos rexedores de Cerdido e San Sadurniño mantiveron este mediodía un encontro en Ferrol con Ángel Facio -Xerente de Xestión Integrada na zona- para trasladarlle as demandas aprobadas en pleno polos tres concellos esixindo o restablecemento das condicións en que viña prestándose a atención pediátrica nestes municipios e tamén no das Somozas. A xuntanza serviu tamén para coñecer de primeira man a fórmula adoptada polo SERGAS para cubrir o posto que quedou libre hai dúas semanas, así como as súas previsións sobre canto tempo se vai manter. Á saída da reunión os tres alcaldes informaron que o único cambio reseñable é que serán catro facultativos -un deles pediatra- quen “de forma voluntaria” atenderán os nenos e nenas turnándose entre eles, aínda que cun servizo que continuará centralizado sine die en San Sadurniño e durante catro horas diarias de luns a venres mentres non apareza un especialista que ocupe o posto.

A rexedora de Moeche, Beatriz Bascoy, resumiu á saída do encontro o contido da conversa mantida durante máis dunha hora con Facio e con dous dos médicos que cubrirán o servizo. Bascoy laiouse de que a reunión non servise para arrancar compromisos firmes máis aló do de “manternos informados”. Segundo Bascoy o Xerente informou que “non nos poden dar unha data fixa” (para o restablecemento do servizo) e que, ademais, tamén lles tería trasladado que o SERGAS “ten previsto seguir na mesma situación tamén en febreiro, a menos que apareza un pediatra”, comenta Bascoy engadindo que “a realidade é que o servizo que tiñamos hai quince días agora xa non o temos”.

Así as cousas, a alcaldesa apuntou que, tal e como lles explicou Ángel Facio, o servizo estará cuberto de luns a venres durante catro horas diarias -de 9 a 13.00h.- e que serán catro facultativos procedentes doutros lugares quen presten a atención sanitaria. Trataríase de dous médicos de familia, un médico puericultor e un pediatra que se irán turnando ao longo da semana. Iso si, as familias de Moeche, Cerdido e As Somozas terán que seguir pasando consulta en San Sadurniño, posto que tampouco hai previsión de recuperar por agora as visitas aos seus centros médicos. “A conclusión que sacamos da xuntanza é que isto vai para largo, pola falta de previsión do SERGAS”, comentou o alcalde de Cerdido, Benigno Galego. O rexedor lembrou que a actual capacidade formativa dos hospitais galegos a través do MIR tampouco será capaz a curto prazo de solucionar a falla de pediatras: “Galicia está xa no tope MIR e para toda a área sanitaria (de Ferrol) só hai unha praza, así nos atopamos agora con que non hai pediatras para cubrir as prazas que van quedando”.

Beatriz Bascoy agradeceu en nome dos tres municipios o “esforzo” por parte dos profesionais que acoden “voluntariamente” a San Sadurniño, aínda que tamén dixo que esta circunstancia non exime de responsabilidade ao SERGAS sobre a situación actual. “Houbo unha falta de previsión durante anos que agora estamos pagando”. Na mesma liña tamén se pronunciou Secundino García: “temos total confianza na capacidade, na aptitude e na boa actitude dos médicos que se ofreceron a botar unha man nunha situación que eles non crearon. Pero tamén pensamos que catro profesionais distintos rotando no Centro de Saúde, e aínda sabendo que se comunican entre eles, non é o escenario axeitado para que poidan facer o seu traballo nas mellores condicións, nin tampouco é un escenario que satisfaga ás familias, afeitas como estaban á relación de confianza que tiñan coa anterior pediatra”. O alcalde de San Sadurniño engadía hoxe á tarde a este respecto que “parece que haxa algún interese oculto en trasladarlle á opinión pública que nós como alcaldes ou incluso algunhas familias esteamos en contra destes médicos. Quero deixar ben claro que iso non é certo, as nosas demandas de que se restableza o servizo diríxense ao SERGAS como xestor da sanidade pública galega, algo que coido que tamén teñen claro as nais e pais que se pronunciaron publicamente nos últimos días”.

Sobre o rebumbio político das últimas dúas semanas, Beatriz Bascoy defendeu a xestión levada a cabo polas tres administracións locais: “o que fixemos os concellos foi falar primeiro entre os catro alcaldes, aínda que Somozas optou por outra vía, e falar cos pais e nais afectadas que se dirixían a nós. Respectando o que eles facían, nós desde o espazo institucional seguimos o procedemento que cremos que se debe seguir: puxémonos en contacto coa xerencia o primeiro día e, ao ver que non se solucionaba o problema, solicitamos unha reunión que non se nos deu ata hoxe, que é día 29. Tamén convocamos os plenos e apoiamos aos pais e ás nais en todo o que nos pediron”.

Ata hai quince días, o servizo de pediatría de San Sadurniño atendía un total de 332 tarxetas sanitarias, 124 neste concello, 52 en Cerdido, 76 en Moeche e 80 nas Somozas. En San Sadurniño houbo algunhas familias que xa solicitaron o cambio para centros de saúde próximos, como por exemplo o de Neda, que si contan con pediatra especializado.

Desde os concellos de San Sadurniño, Moeche e Cerdido agárdase que a situación “sexa transitoria” e, namentras, os tres executivos reafírmanse na demanda de que o servizo se restableza, polo menos, como viña prestándose ata o pasado día 11. “Hai un compromiso do xerente de manternos informados de calquera cambio que haxa. Os alcaldes imos manter a demanda e facer o seguimento do día a día, manter contacto coas familias e ver se realmente se soluciona o problema”, asegura Beatriz Bascoy.