Despois de que se celebrase o acto de nomeamento dunha praza riveirense como Xoán Fernández, tivo lugar na Casa do Concello unha nova acción en homenaxe a este pintor local: trátase da inauguración dunha mostra retrospectiva formada por un total de 21 obras de entre os máis representativos do estilo e a mestría deste creador caracterizado polo hiperrealismo das súas pinceladas.
O acto, que contou coas intervencións do alcalde, de Pastor Rodríguez e do propio Xoán Fernández, recibiu o respaldo de representantes de distintos grupos políticos da Corporación, de moitos veciños e de artistas como Maralla, Santarelli ou Antonio Pérez. “Ó longo da miña vida nunca fun medianamente capaz de definir a pintura —afirmou o autor— e despois de tantos anos de exploración cheguei á conclusión de que a pintura é inexplicable”. Pola súa parte Manuel Ruiz manifestou que con actos como este a Corporación quere dar a coñecer á veciñanza de Riveira o verdadeiro valor que teñen moitos dos seus cidadáns.
A exposición, titulada “Lembranzas” permanecerá na casa consistorial ata o 15 de marzo.