Friday 22 de November de 2024

A Xunta outorga 215.000 euros á Cociña Económica da Coruña para mellorar a atención das persoas que máis o necesitan


Destínase ao funcionamento do comedor social e a diferentes actuacións de mellora do servizo

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou hoxe, durante a visita á Cociña Económica da Coruña, a achega de máis de 215.000 euros que a Xunta de Galicia outorgou a esta entidade de máis de 130 anos de historia e que dá refuxio e sustento a máis de 1.400 persoas cada día.

Fabiola García explicou que este importe que recibe ao abeiro da Orde de Inclusión para o período 2018-2020, destínase en gran medida ao funcionamento do comedor social, así como a diferentes obras de mellora das instalacións como a reforma do chan e da escaleira de acceso á primeira planta ou a insonorización de despachos.

Así mesmo, esta contía supón un aumento do 60% con respecto á concedida na anterior convocatoria de axudas, na que a entidade recibira máis de 132.000 euros. Este incremento nas axudas vén directamente ligado ao aumento do orzamento da orde, pois na última convocatoria supera os 16 millóns de euros, un 90% máis que a anterior.

A conselleira gabou o gran labor que realiza esta entidade a través de diferentes servizos que ten en marcha e destacou que das 1.400 persoas que atende, ao redor de 220 acoden cada día ás súas instalacións e, a maiores, reparten comida a domicilio a en torno a 1.200 persoas.

Fabiola García garantiu que o Goberno galego seguirá traballando polas persoas e familias con menos recursos, con medidas que apoien iniciativas que, como a Cociña Económica da Coruña, loitan contra a exclusión social e están ao carón dos que máis o necesitan. Un compromiso que se plasma nos Orzamentos do presente ano, que xa están en vigor, e nos que se destina a Inclusión Social 119 millóns de euros, un 70% máis que hai unha década.