Sunday 24 de November de 2024

Ordes solicitará para o seu PAC unha cobertura permanente con dous facultativos


No pleno celebrado onte tamén se acordou instar á Xunta para o emprazamento dunha planta de biomasa tras o peche de Meirama. A filla predilecta Isabel Zendal, candidata á Medalla de Galicia

O consenso de todas as forzas políticas foi a tónica dominante no primeiro pleno do ano celebrado en Ordes.

Unha vez máis a calidade do servizo ofrecido no centro médico de Ordes, e máis concretamente o do PAC, foi obxecto de debate. A moción presentada polo PSdG-PSOE aprobouse por unanimidade. Nela esíxeselle ao SERGAS unha cobertura permanente de dous médicos para evitar situacións de risco. Ao texto inicial engadíuselle a petición da concelleira non adscrita Beatriz Martínez Candal para “reforzar o servizo de pediatría”. Unha decisión da que se lle dará traslado á Mancomunidade de Ordes, cuxos concellos integrantes tamén se ven afectados por esta situación. Ao respecto Susana García, voceira do Goberno local, informou que “en breve se manterán conversas con xerencia e sindicatos, ademais de ter xaprogramada unha xuntanza co conselleiro de Sanidade para abordar tanto este tema como o das obras que se están previstas no centro”.

En relación co peche da central térmica de Meirama acordouse solicitarlle ao coselleiro de Economía, Traballo e Industria unha xuntanza para abordar os plans futuros de Naturgy, empresa propietaria da planta enerxética cuxo peche está previsto para o verán de 2020. Ademais instarase á Xunta a propoñer Ordes como emprazamento para unha planta de biomasa forestal. Así figura na moción presentada por Martínez Candal, a cal contou co apoio de toda a corporación.

Seguindo con este tema, e contando tamén co apoio xeral, o BNG demandou o mantemento da presa de San Cosmade, espazo onde está situado un punto de captación de auga que abastece o Mesón do Vento e a zona norte do municipio.

Unha vez máis o nome de Isabel Zendal, enfermeira universal e filla predilecta de Ordes, resonou no salón de plenos. Alejandro Manteiga, voceiro do PSdG-PSOE propuso iniciar os trámites e presentar as instancias precisas ante Presidencia da Xunta para que lle sexa concedida a Medalla de Galicia a título póstumo. Unha moción que, novamente, foi secundada por todos e todas os presentes.

Financiamento local
Diferente foi o caso da moción do grupo socialista na que, entre otras medidas, se solicita modificar o financiamento dos concellos galegos, establecer subvencións e partidas non finalistas ás entidades locais para a súa integración no Fondo de Cooperación Local, a creación dun fondo específico coas transferencias non executadas ou aboar aos concellos o 50% do percibido polo canon da auga “tal e como xa se comprometara a Xunta de Galicia no seu día” segundo palabras de Alejandro Manteiga. Tanto os membros do Goberno local como os non adscritos Roberto González e Luis Gómez Candal rexeitaron a medida. “Galicia foi pioneira en establecer un sistema de reparto cunha garantía de mínimos” argumentou Susana García engadindo que “xa no 2009 creouse un fondo extraordinario que se foi incrementando, ata que chegou a crise, para que ningún concello vira mermados os seus ingresos”. García concretou en 391 millóns de euros os cartos a repartir entre os municipios, “sendo a Galicia a Comunidade que máis destina a fondos de cooperación local, convenios e subvencións”. Tamén fixo alusión ao clima de colaboración entre a Xunta e a FEGAMP sin descartar que sexa beneficioso “revisar a Lei de Facenda Local e o sistema de financiamento establecido a día de hoxe, tendo sempre en conta que ninguén mellor que os propios concellos coñecen as súas necesidades e o mellor xeito de levar a cabo os seus investimentos”.