Xoán Fernández xa ten unha pequena praza co seu nome en Riveira despois de que na noitiña de hoxe tivese lugar o acto de inauguración xunto a rotonda que une a avenida da Coruña co paseo das Carolinas: un acto na que se deron cita numerosos veciños para render o seu particular homenaxe a un artista, así como distintas autoridades e membros da Corporación que quixeron estar presentes nun evento organizado dando cumprimento a un acordo plenario.
Quen fora alcalde de Riveira e compañeiro de goberno municipal nos anos oitenta, Xosé Antonio Ventoso Mariño, foi o encargado de abrir o acto cunha semblanza de Xoán Fernández no que recordou as súas dimensión persoal, artística e política.
Falou a continuación o alcalde Manuel Ruiz, quen destacou a serie de homenaxes que se están a realizas merecidamente a quenes co seu labor contribúen a facer grande este municipio, caso de Manuel Ayaso, Ana Peleteiro ou María Vilas e caso de Xoán Fernández, do quen destacou o seu enorme talento artístico e animou aos asistentes a contemplalo a partir do vindeiro luns na Casa do Concello con motivo da apertura dunha mostra dedicada á súa figura.
Finalmente, antes de que se procedese a descubrir a placa que dá nome á praza e a un panel no que se reseña a súa traxectoria, tivo unhas palabras o propio autor, quen manifestou os “sentimentos encontrados” de tristura e alegría por este acto: tristura por non estar presente a súa muller falecida e alegría por ser partícipe dun acto polo que o seu nome constará nunha pequena praza antes de que el morra.