Iniciativa para divulgar a importancia da conservación dos espazos naturais entre a comunidade educativa
Escolas en acción. Rede Natura 2000 é unha nova iniciativa da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para promover, divulgar e visibilizar na sociedade a importancia da conservación dos espazos naturais e a importancia da sostibilidade no uso dos recursos.
Este programa -dirixido a centros de primaria e primeiro e segundo curso de secundaria de Galicia-, está concibido como unha ferramenta de investigación e divulgación dos valores naturais e da correcta xestión da Rede Natura 2000, dende a óptica e a creación das mensaxes que os nenos destas áreas de influencia realizarán a través dos seus proxectos e investigacións.
Cómpre lembrar que a Rede Natura 2000 é o principal instrumento para a conservación da biodiversidade na Unión Europea. A súa finalidade é asegurar a supervivencia a longo prazo das especies e dos hábitats máis ameazados de Europa, contribuíndo a deter a perda de biodiversidade ocasionada polo impacto negativo das actividades humanas.
Durante o actual curso escolar 2014/2015 preto de 1.000 alumnos de 10 centros escolares da Comunidade galega traballarán na procura de sinerxías de sensibilización na comunidade, a través dos seus proxectos e promover que estes sexan verdadeiros focos da divulgación e innovación, así como axentes de sensibilización na contorna dos espazos Rede Natura 2000.
Os criterios aplicados durante o proceso de selección – no que tamén participou o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, Ceida- foron a contribución á divulgación da Rede Natura 2000 entre toda a sociedade galega e a implicación e impacto do proxecto sobre a comunidade educativa, ademais da orixinalidade e a creatividade.
Outro dos valores que primou á hora de seleccionar unha iniciativa foi a continuidade no tempo do proxecto, que facilite o traballo en rede co de outros centros educativos e o seu deseño, metodoloxía e desenvolvemento da investigación.
Na seguinte táboa, indícanse as iniciativas seleccionadas, o colexio promotor, así como o número de alumnos participantes:
Proxecto seleccionado Colexio promotor Concello Participantes
Quérote plantiña CEIP Luís Seone Oleiros 100 alumnos de 1º e 2º de primaria
en MARcate CEIP de Laredo Redondela 145 alumnos de 1º a 6º de primaria
A nosa ría CEIP Santa Baia Boiro 200 alumnos de 1º a 6º de primaria
O Arnoia: un río cheo de vida CEIP Padre Crespo Xunqueira de Ambía 49 alumnos de 1º a 6º de primaria
Gústame de onde son CPI Virxe da Cela Monfero 85 alumnos de 1º a 6º de primaria
Prados, ríos e fragas: a natureza
e o aproveitamento humano CPI de Xanceda Mesía 14 alumnos de 2 de secundaria
Descubrindo o Cabo Vilán CPI de Rois Rois 50 alumnos de 1º de secundaria
Senda Ártabra, NATURALmente CPR Santa Juana
de Lestonac Ferrol 40 alumnos de 5º de primaria
Proxecto Naturizo CPR Miraflores Pereiro de Aguiar 200 alumnos de 1º a 6º de primaria
Nas Fragas cabemos tod@s CEIP Mosteiro
de Caaveiro A Capela 47 alumnos de 5º e 6º de primaria
Total 10 centros 930 alumnos galegos
Estes proxectos constitúen unha escolma diversa do territorio, non só pola tipoloxía de centro educativo, diversidade de idades dos participantes, senón tamén pola diversidade dos espazos protexidos e a amplitude xeográfica dos mesmo. Nese sentido, grazas á iniciativa Escolas en Acción contribúese dun xeito significativo e representativo a divulgar os valores desta figura de conservación e a súa normalización.
Obxectivos
Tras aprobación do Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia ábrese a necesidade da súa divulgación entre todos os axentes sociais implicados, e en xeral entre a cidadanía, que xa comeza a recoñecer esta figura, pero descoñece o seu gran potencial ambiental e social, así como a necesidade da mesma.
Os proxectos como Escolas en acción ten por finalidade incentivar a realización de proxectos de innovación educativa, que brinden a oportunidade de visibilizar a Rede Natura 2000 á comunidade educativa; promover unha rede de centros educativos que desenvolvan proxectos que permitan á toda a comunidade escolar dar a coñecer e valorar o patrimonio natural de Galicia; crear sinerxías de colaboración e consolidar vías de comunicación entre os centros de ensino e as entidades promotoras.
Intercambio continuo
O contacto directo e continuo cos centros educativos participantes é un piar básico para o desenvolvemento deste programa. Grazas a un blog (http://escolasenaccion.wordpress.com) poderase divulgar entre toda a comunidade escolar e as entidades promotoras, a evolución dos proxectos e os centros participantes. Cada centro participante asumirá o compromiso de facer unha entrada mensual no blog co obxectivo de manter informado ao resto dos participantes do desenvolvemento dos seus proxectos, e das dificultades atopadas no camiño.
Tamén conta co apoio documental entre as bibliotecas escolares e o centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga, do Ceida, que é un centro especializado en medio ambiente, que ofrece un servizo de consulta e apoio documental a toda a cidadanía galega, sendo a educación ambiental e a conservación as súas principais áreas temáticas.
Ademais, co fin de poñer en valor este proxecto e potenciar a súa continuidade no tempo, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas deseñou unha imaxe gráfica identitaria deste programa.