Saturday 16 de November de 2024

BNG e PSOE votan sós a moción para que se restableza o servizo de pediatría


O pleno extraordinario convocado para a tarde deste xoves en relación coa situación da atención sanitaria infantil en San Sadurniño, Moeche, Cerdido e As Somozas déixanos tres titulares: un, a expectación que espertou a sesión, con arredor de medio cento de persoas como público; outro, que a moción debatida saiu adiante só cos votos do BNG e da representante do PSOE; e, o terceiro -resultado do anterior-, a marcha do PP do salón de plenos antes de que o asunto fose votado, xesto que se repetiu tamén en Moeche e Cerdido, onde houbo sesións idénticas á mesma hora. O abandono do pleno por parte de Manuel Romero e María Belén Trigo foi cualificado por Secundino García despois da súa finalización como “unha vergoña e unha falta de respecto ás nais e pais” que responde a “un acto premeditado e orquestado a nivel provincial polo Partido Popular para non falar sobre o fondo da cuestión e o realmente importante: que San Sadurniño e outros concellos sofren unha merma importante na atención sanitaria especializada das nosas nenas e nenos e que a Xunta aínda non puxo enriba da mesa unha solución para o restablecemento do servizo nas mesmas condicións en que viña prestándose”.

O pleno comezou ás 20.00h. nunha sala con máis público do habitual, con nais, pais, avoas, avós e mesmo rapazada e bebés acompañando aos maiores a unha sesión con só un punto na súa orde do día centrado principalmente na esixencia de que se cubra a praza de pediatría no Centro de Saúde de San Sadurniño e que se recuperen as consultas itinerantes en Cerdido, Moeche e As Somozas.

Secundino García leu o texto completo da moción repasando os antecedentes dunha situación “que causa fonda preocupación entre as persoas afectadas” e que o rexedor contextualizou nas “decisións políticas” e os “recortes acometidos polo goberno galego nos últimos anos” que abocaron á sanidade pública galega a perder “arredor de 2.188 millóns de euros” de investimento na última década.

Na súa primeira intervención, o portavoz nacionalista, Suso Soto, volveu repasar os argumentos sobre “o desmantelamento” da sanidade pública, engadindo que no caso da atención pediátrica en San Sadurniño “hai un grave problema de xestión, de previsión e de deixación de funcións” posto que, segundo dixo, a marcha da pediatra “era coñecida desde hai tempo, e o SERGAS e a Xunta non fixeron os deberes convocando en tempo e forma as prazas para cubrir estas eventualidades”.

Na vez do PSOE, Yolanda Vázquez lembrou que “o problema xa empezou coa sustitución do médico de cabeceira e agora tamén veñen os recortes co pediatra”, ademais de criticar que a Consellería de Educación mandase unha inspección ao colexio de Moeche a raíz do escrito de reivindicación enviado ás casas a través da rapazada.

Antes de marchar do pleno, os dous representantes do PP mostráronse “de acordo” co restablecemento do servizo de pediatría nos catro municipios e quixeron aclarar que os nenos e nenas “nunca estiveron desatendidos”. A partir de aí o discurso popular centrouse maiormente na actuación da plataforma constituída polas nais e pais e nas críticas que tería recibido este partido a través das redes sociais, principalmente a raíz da xuntanza mantida nas Somozas por cargos e candidatos do PP co delegado territorial Ovidio Rodeiro quen, segundo Belén Trigo, “nos blindou o servizo de pediatría, que non se vai quitar”.

Trigo tamén comentou que na mañá de onte tiveran unha reunión co Xerente de Xestión Integrada de Ferrol, Angel Facio, para falar da cuestión e “aclarar” algunha información publicada na última semana no tocante aos perfís profesionais que están atendendo neste momento en San Sadurniño de forma alternativa -“un médico puericultor, un médico de familia e un pediatra”, asegurou Trigo- e tamén xustificando a imposibilidade de prever a marcha da anterior pediatra, que cambiou de destino tras aprobar unha oposición, “non por traslado”. Trigo asegurou ademais que nos últimos días hobera “insultos e descalificacións” por parte de Secundino García nas redes sociais, extremo este último que o rexedor desmentiu precisando que en ningún momento insultara a ninguén. O PP tamén adiantou que “non venderá politicamente” nin tampouco “participará en ningún circo mediático” relacionado “cos nenos, a educación ou a sanidade”.

Porén, máis aló das explicacións da concelleira popular e as expresións que segundo ela verteu o alcalde nas redes sociais, o que causou certa sorpresa foi o dato da xuntanza da representante do PP local co xerente da área sanitaria de Ferrol, posto que os rexedores de San Sadurniño, Cerdido e Moeche teñen pedida oficialmente unha reunión con Ángel Facio desde hai máis dunha semana, que o xerente tería accedido a celebrar o martes que vén. A este respecto, Secundino García cargou contra Facio polo “uso partidista do seu posto” ao recibir antes aos membros do PP que aos representantes institucionais: “recibe hoxe á portavoz do PP cando os alcaldes lle temos solicitado desde hai unha semana unha reunión, pero reúnese con vós”, espetoulle o alcalde a Trigo e Romero. “Fai un uso partidista, como fixo o Delegado Territorial. O normal é que se dirixa aos representantes lexítimos dos cidadáns, que non son os candidatos, senón as corporacións e as alcaldías neste caso”.

Media hora despois de iniciarse a sesión, Manuel Romero e Belén Trigo marcharon do pleno escudándose na súa “disconformidade” sobre como xestionara Secundino García o asunto que se trataba. Unha estratexia replicada polo PP nos plenos celebrados simultaneamente en Moeche e Cerdido -onde non goberna Secundino García- que, segundo Suso Soto, se tería decidido na xuntanza mantida co Delegado Territorial da Xunta nas Somozas que, en palabras do portavoz nacionalista, “os chamou a capítulo para lerlles a cartilla”. Soto afeou a actitude da concelleira e o concelleiro do PP criticando que “representantes da veciñanza de San Sadurniño” optasen por abandonar o pleno “nun tema da importancia do que estamos falando hoxe aquí”.

Xa sen presenza do PP pero si da representante do PSOE e das arredor de 50 persoas que asistiron ao pleno, Suso Soto contextualizou as razóns da falla de facultativos especializados botando man dos datos do propio SERGAS relativos ás ofertas de emprego público nos últimos dez anos. Soto indicou que entre 2006 e 2009 o “denostado goberno bipartito” da Xunta convocou 7.000 prazas das que 90 foron para a especialidade en pediatría. A primeira oferta da etapa Feijóo produciuse en 2012 con 176 prazas, 6 delas de pediatras, seguidas das de 2013, 2014 e 2015 con 1.000 prazas máis, aínda que ningunha para especialistas en pediatría.

Números que, malia incrementarse nos anos seguintes -36 pediatras nas ofertas de 2016 a 2018- non serían suficientes para cubrir as necesidades actuais. “Son datos que dan fe de por onde vai o modelo da sanidade pública no noso país. Os profesionais da pediatría e doutras áreas non tiveron oferta de emprego público ás que optar no noso país e tiveron que ir todos para Portugal, Suecia, para Inglaterra… onde si había traballo. Eses profesionais tiñan durante todos eses anos unha dobre alternativa: ir traballar á privada ou buscar as fabas noutros estados da Unión Europea”. Esta realidade estatística “é consecuencia dun modelo da sanidade” condicionada, segundo Soto, polas limitacións de gasto público aprobadas polo Estado en 2012, pero tamén polos “intereses de grupos que todos coñecemos”. Porén, o concelleiro do BNG cargou principalmente a responsabilidade na falla de facultativos pediátricos na ausencia de convocatorias de emprego para eles e elas nos últimos anos: “representantes públicos da Xunta están todos os días dicindo que non hai pediatras, pero porque eles non permiten que no ano 2019 haxa pediatras facendo o seu traballo na sanidade pública”.

Antes de rematar a sesión, a concelleira socialista, Yolanda Vázquez, tamén criticou a marcha do PP do pleno -“preferiría que toda a corporación estivera de acordo con isto, non me gustou o que pasou”, dixo- e asegurou que a sanidade “non é un privilexio, é un dereito, e se non teñen pediatras terán que buscalos. Non imos ser nós quen xestionemos o SERGAS”. Secundino García tamén lamentou “profundamente” que os edís do Partido Popular abandonasen o pleno “para non posicionarse” sobre unha moción que, na súa parte de acordo, propón esixirlle á Xunta de Galicia “o inmediato restablecemento” do servizo de pediatría nos concellos de San Sadurniño, Moeche, Cerdido e As Somozas, como mínimo tal e como viña funcionando ata agora. O texto tamén recolle a esixencia ao executivo galego a garantía de “igualdade no acceso aos servizos básicos de sanidade e educación para os concellos rurais, sen que se teñan en conta nin ratios nin eficiencia” e, en último lugar, pídense explicacións á Consellería de Educación sobre a actuación da inspección educativa no CEIP San Ramón, ademais de esixirlle unha desculpa para os pais e nais “que só reclaman pacificamente un dereito”.

Á saída do pleno, o alcalde valorou o desenvolvemento da convocatoria cualificando a actitude do Partido Popular ao marchar da sala como “unha vergoña e unha falta de respecto ás nais e pais” que, en palabras de García, “non responde a unha decisión espontánea e puntual dos populares de San Sadurniño, senón que responde a un acto premeditado e orquestado a nivel provincial polo Partido Popular para non falar sobre o fondo da cuestión e o realmente importante: que San Sadurniño e outros concellos sofren unha merma importante na atención sanitaria especializada das nosas nenas e nenos e que a Xunta aínda non puxo enriba da mesa unha solución para o restablecemento do servizo nas mesmas condicións en que viña prestándose”. García tamén criticou con dureza que se acuse aos gobernos locais de “politizar” unha situación “que é causada precisamente por decisións políticas acumuladas nos últimos anos”. A este respecto, o alcalde de San Sadurniño expresou “o apoio incondicional” ás reivindicacións dos pais e nais “que ergueron a súa voz e se moveron nos últimos días á marxe dos partidos demandando un servizo ao que teñen dereito”.

Os rexedores de San Sadurniño, Moeche e Cerdido reuniranse o martes ao mediodía co responsable da Xerencia de Xestión Integrada de Ferrol e, en calquera caso, agardan que o servizo de pediatría “volva funcionar aquí, en Moeche, Cerdido e As Somozas como o viña facendo ata hai uns días”. Os tres municipios penduraron hoxe mesmo cadansúa pancarta de reivindicación diante das respectivas casas consistoriais.