A Corporación acorda presentar propostas para que se amplíen frecuencias de autobús no municipio
O Pleno de Boqueixón acordou onte por unanimidade unha modificación do proxecto denominado Melloras en edificios municipais de Lestedo e outros. Tal e como explicou o alcalde boqueixanés, Manuel Fernández Munín, os cambios veñen dados “pola necesidade de arranxar urxentemente a cuberta do local social de Lestedo”.
Para isto, “a partida que estaba destinada neste proxecto á melloras no centro de saúde elimínase para poder acometer a reposición total da cuberta, xa que se trata dunha actuación prioritaria dado o mal estado no que se atopa. En canto poidamos, realizaranse as melloras precisas no consultorio sanitario”, explicou o rexedor.
Nesta primeira sesión plenaria do ano, o grupo de goberno acordou, co voto en contra da oposición, modificar o proxecto de acondicionamento da parcela que se atopa fronte ao consistorio boqueixanés. Neste caso, os cambios nesta actuación contemplarán a habilitación dunha estrutura metálica prefabricada para albergar o parque móbil do Concello de Boqueixón, así como a nivelación das distintas alturas do terreo e a habilitación dun muro de contención.
O grupo de goberno tamén aprobou en solitario a designación dun funcionario técnico municipal para a recepción ou conformidade nos contratos celebrados polo Concello. Dende a oposición, lembraron a importancia de axuntar aos informes imaxes e outros documentos acreditativos da efectiva finalización das actuacións.
Mocións
Dende Veciñ@s de Boqueixón presentáronse dúas mocións. A primeira delas quedou sobre a mesa para celebrar unha reunión de todos os grupos da Corporación co fin de presentar unha solicitude para que se incrementen as frecuencias do transporte metropolitano ao seu paso polo municipio. “O mellor é facer unha proposta conxunta que se remitirá á Xunta e ás empresas de transporte”, indicou Manuel Fernández Munín.
A segunda das mocións presentada por Veciñ@s de Boqueixón, aprobada por unanimidade, busca promover a construción dun centro de día ou residencia xeriátrica municipal. Conscientes das necesidades existentes no concello e na contorna deste tipo de servizos, dende a oposición suxeriron a posibilidade de presentar unha proposta conxunta con outros concellos veciños como Vedra, Touro e Vila de Cruces.
Dende o equipo de goberno, o alcalde anunciou o apoio a esta moción, non sen antes lembrar todos “os esforzos que se están a realizar en materia de atención a maiores dende o Concello de Boqueixón. Poucos municipios da contorna contan cun servizo de transporte propio no que as persoas maiores son recollidas no seu domicilio para seren levadas a un local social para participar en actividades adaptadas ás súas necesidades”, indicou. Un extremo no que a oposición coincidiu, se ben recoñece a necesidade de complementar este tipo de iniciativas con infraestruturas propias.