Friday 22 de November de 2024

A Valedora do Pobo admite a trámite a denuncia do BNG de Fene ante a falla de información por parte do goberno municipal


A alta comisionada do Parlamento dalle 15 días ao Concello para que informe sobre os problemas que motivaron a queixa nacionalista

O portavoz do Grupo Municipal do BNG de Fene, Juventino Trigo, remitiulle a primeiros de mes un escrito á Valedora do Pobo denunciando que o actual goberno de Fene “e en particular o alcalde Gumersindo Galego” non está dando cumprida resposta ás preguntas formuladas por escrito polo grupo nacionalista, nin tampouco a aquelas presentadas nos plenos e comisións informativas. Trigo denuncia, ademais, que desde o mes de abril de 2018 non se aprobou ningunha acta plenaria e que por este motivo “non podemos facer seguimento das preguntas e rogos realizados ou facer as reclamacións oportunas ao respecto”. A Valedora do Pobo, Milagros Otero, respostou hai escasos días comunicando o inicio das “actuacións oportunas” por entender que a queixa do BNG “reúne os requisitos formais”. A este respecto alta comisionada dálle ao Concello un prazo de 15 días para que remita o correspondente informe sobre unha situación cualificada por Trigo como “anómala” que se encadraría nunha constante “vulneración dos dereitos do noso grupo municipal”.

A carta rexistrada polo voceiro nacionalista o pasado 2 de xaneiro incide en que o actual goberno municipal de Fene -conformado polo bipartito PP-Somos Fene- e nomeadamente o alcalde, Gumersindo Galego, non está respostando ás cuestións expostas nos plenos e nas comisións informativas, nin tampouco facilitando a documentación solicitada polo BNG sobre distintos expedientes e actuacións do executivo local.

Entre os asuntos “aos que nunca se nos deu resposta” estarían a petición do informe xurídico sobre a cesión da cafetaría do pavillón da Xunqueira, os proxectos do parque infantil do CEIP O Ramo e da reforma da beirarrúa na Rúa dos Muíños e información sobre o estado de tramitación de varias obras municipais.

Tamén se inclúen outras “cuestións importantes para a veciñanza” referidas a contratos suscritos polo equipo de Gumersindo Galego nos últimos meses. Tal é o caso da recollida de voluminosos e do papel e cartón, os desbroces efectuados no mes de agosto, o servizo de limpeza das praias, a limpeza do Río Cádavo ou a adxudicación da instalación de desfibriladores en distintas dependencias municipais.

Na relación dos 13 temas pendentes de contestación remitidos polo BNG á Valedora do Pobo van tamén a substitución de persoal funcionario por traballadores de empresas privadas na conserxería do CEIP O Ramo e na Casa da Cultura e a solicitude de xustificación de alomenos 28 horas de traballo do persoal municipal en horario nocturno.

No escrito denúnciase, ademais, que o articulado do Regulamento do Consello Municipal de deportes “foi variando desde a súa exposición pública ata a presentación en comisión e posteriormente en Pleno sen que se notificaran os cambios”, de maneira que, ao non existir acta do pleno, “non podemos comprobar se o publicado coincide co aprobado e exposto ao público”.

Alén destes asuntos, Juventino Trigo pon en coñecemento da Valedora do Pobo que “en contra do costume insturado neste Concello”, o actual goberno tampouco tería atendido a solicitude formal do BNG “dun local para o Grupo Municipal en función do número de concelleiros e concelleiras”. Neste sentido o grupo encabezado por Trigo ocupa “o local máis pequeno” malia tratarse da segunda formación en número de edís e a primeira da oposición.

Xunto con estes asuntos, desde o BNG denúnciase tamén “a usurpación” de competencias plenarias por parte de Gumersindo Galego, tal e como tería ocorrido coa revogación dunha comisión de servizos na Policía Local. Unha decisión do alcalde “en contra dos informes xurídicos do persoal técnico do Concello”.

A queixa rexistrada por Juventino Trigo na oficina da Valedora do Pobo remata considerando que a postura do goberno local vulnera o artigo 77 da Lei de Bases de Réxime Local e os artigos 14, 15 e 16 do Regulamento Orgánico de Funcionamento das Entidades Locais, onde se recollen os dereitos de calquera membro da Corporación a obter información por parte do alcalde ou do presidente da Xunta de Goberno Local, así como o acceso a expedientes e outra documentación municipal. “Solicitamos a intervención da Valedora do Pobo co ánimo de poder exercer os dereitos de representación que nos confire a lei e poder atender ás obrigas do cargo, tal e como prometemos na toma de posesión das nosas actas de concelleiros e concelleiras do Concello de Fene”, finaliza a carta do portavoz municipal do BNG.

A resposta de Milagros Otero chegou hai tan só uns días. Nela indícase a admisión da petición nacionalista “ao entender que reúne os requisitos formais recollidos no artigo 18 da Lei do Valedor do Pobo” e comunícase o inicio “das actuacións oportunas” ante o Concello de Fene, que deberá achegar un informe “sobre o problema” no prazo máximo de 15 días.