A directora de Turismo de Galicia, acompañada por representantes dos concellos e das celebracións recoñecidas, participou en Fitur na presentación organizada pola Consellería de Cultura e Turismo ao redor destas festividades
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada por representantes dos concellos nos que a Semana Santa ten recoñecemento de interese turístico, e por membros das propias celebracións, salientou en Fitur o crecente atractivo desta celebración na nosa Comunidade. De feito, Galicia chega este ano á Feira Internacional de Turismo –que se celebra ata o domingo en Madrid– co maior número de festividades deste tipo declaradas coa máxima distinción.
Como puxo de manifesto Nava Castro, as celebracións galegas de Semana Santa gañan en esplendor ano tras ano e, mantendo a súa esencia para a conmemoración de diferentes ritos e tradicións, se están a converter tamén nun impulso para o sector turístico galego. “Como administración pública temos o deber e tamén a honra de manter e reforzar o noso compromiso coa tradición e coa cultura que compartimos”, explicou.
A día de hoxe, Galicia conta xa con dúas festas recoñecidas coa máxima distinción que poden acadar no eido turístico. As de Ferrol e Viveiro son de Interese Turístico Internacional e seis máis son de Interese Turístico de Galicia: Betanzos, Cangas, o Santísimo Cristo de Fisterra, Mondoñedo, Paradela e Santiago de Compostela, que o acadou o pasado ano. Tamén outras localidades avanzan neste proceso, como é o caso da Semana Santa de Lugo á que o último Consello de Turismo deu o visto bo, como paso previo para ser elevado a Consello da Xunta, órgano responsable da declaración definitiva.
Importancia en 2019
Como se indicou durante a presentación, neste ano 2019 a Semana Santa galega terá tamén un importante peso turístico. De feito, no modelo galego celebracións como estas ocupan un lugar destacado. A Consellería de Cultura e Turismo apoia ás festas dedicando ao completo unha das 11 liñas da Estratexia de turismo de Galicia 2020 a potenciar os valores que fan diferente o destino, onde se inclúe o coidado do enfoque turístico das celebracións. As que están declaradas de interese turístico reciben, ademais, un impulso económico por parte da Administración autonómica para colaborar na súa difusión.