Un alto cargo da Conferencia de Nacións Unidas para o Comercio e o Desenvolvemento (UNCTAD) coñeceu a actividade do organismo galego
A Conferencia de Nacións Unidas para o Comercio e o Desenvolvemento (UNCTAD) mostrou esta semana o seu interese polo funcionamento do Consello Galego da Competencia (CGC), así como o impacto que ten o seu traballo no benestar dos consumidores.
José Luis Crucelegui, subdirector do departamento de políticas de competencia e protección do consumidor da UNCTAD, mantivo esta semana unha reunión en Santiago co presidente do Consello Galego de Competencia, Francisco Hernández Rodríguez. A UNCTAD é a conferencia máis importante da Asemblea Xeral da Organización de Nacións Unidas.
Crucelegui expresou a súa intención de establecer algún tipo de colaboración co organismo galego, co obxecto de promover conxuntamente as políticas de competencia e protección do consumidor con carácter mundial.
O alto cargo da UNCTAD trasladou a súa interese polos informes sectoriais elaborados polo Consello Galego de Competencia, aos que se referiu como exemplo de actividade de investigación e promoción neste eido, con repercusión directa no benestar dos consumidores. Ademais, Crucelegui participou esta semana nun curso organizado polo CGC e a Universidade da Coruña.
Ao respecto, o subdirector do departamento de políticas de competencia e protección do consumidor resaltou que Nacións Unidas considera o benestar dos consumidores como un dos piares básicos de traballo de organismos como o CGC.
Durante o seu encontro co director do CGC, o representante da Conferencia de Nacións Unidas para o Comercio e o Desenvolvemento puxo tamén especial énfase no modelo de fusión dos organismos de Competencia e Consumo da Xunta de Galicia, do que dixo que pode ser un modelo exportable a outros países, dentro precisamente desa colaboración que propugnou entre o CGC e citado órgano da Asemblea Xeral de Nacións Unidas.