Saturday 16 de November de 2024

Máis de 3.400 persoas participaron de forma directa na Semana Europea da Prevención


O evento tivo lugar entre os días 22 e 30 do pasado mes de novembro

A Semana Europea da Prevención 2014, promovida en Galicia pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e Sogama, rematou coa participación de máis de 3.400 persoas de forma directa. Entre as mesmas figuraban veciños de concellos, alumnos de once centros educativos e clientes de distintos centros comerciais (As Termas de Lugo, Ponte Vella de Ourense, Travesía de Vigo, A Barca de Pontevedra, Odeón Dolce Vita de Narón, Catro Camiños da Coruña e Área Central de Santiago de Compostela) polos que transcorreu a campaña, co obxectivo de reducir a produción de desperdicios de alimentos, unha das grandes preocupacións da comunidade internacional polas súas negativas consecuencias ambientais, económicas e sociais. Esta campaña celebrouse entre os días 22 e 30 do pasado mes de novembro.

Educadores especializados ao servizo desta iniciativa foron os encargados de proporcionar as explicacións sobre a problemática que na actualidade supón a cantidade de comida que cada día acaba arroxada ao cubo do lixo, proporcionando aos cidadáns as claves para reverter esta situación: como planificar as compras, facer unha lista dos produtos a adquirir, comparar prezos e calidades, vixiar o bo funcionamento do frigorífico, non saturar a despensa nin a neveira, ler o contido das etiquetas, diferenciar claramente consumo preferente de data de caducidade, e reutilizar as cantidades sobrantes para a elaboración de novos menús.

Moitos dos destinatarios directos da campaña participaron voluntariamente nas enquisas de coñecementos e satisfacción, manifestando que nas súas casas vénse reutilizando a comida, tanto por motivos de concienciación ambiental como por motivos económicos, agudizados pola crise, e tamén por unha cuestión moral.

Os participantes tamén trasladaron que outra das súas preocupacións é a xestión que se fai dos alimentos en hospitais, comedores escolares e nos grandes supermercados, propoñendo que, no caso destes últimos, sexan doados e que se incrementen as ofertas orientadas ao público antes de que caduquen. Moitos non entenden que, por exemplo, non chegue ao mercado froita que non cumpre cos estándares estéticos. Tamén preocupa a xestión que se fai do desperdicios alimentos en hospitais e comedores escolares.

En termos xerais, mostraron moito interese no sitio web da campaña www.aproveitatedoquechesobra.es, onde poden acceder ás cifras do desperdicio de alimentos a nivel mundial, europeo e estatal (en torno a 1,3 quilos por fogar e semana), ao impacto económico que supón (da orde de 250 euros por español e ano), ás recomendacións e consellos para previlo e reducilo, e á posibilidade de que as vivendas unifamiliares que dispoñan de horta e/ou xardín poidan fabricar compost a partir dos restos orgánicos, utilizándoo como abono natural de alta calidade para nutrir a terra.

Tamén se recorda a través desta páxina como minimizar, en termos globais, a produción de lixo, como promover a reutilización dos produtos e como colaborar activamente no sistema de recollida selectiva, depositando cada tipoloxía de residuo nos contedores específicos habilitados nas vías públicas: amarelo, para os envases de plástico, latas e briks; azul, para os de cartón e papel; iglú verde, para os envases de vidro; contedor específico para pilas; e recipiente verde convencional, para a fracción resto, que Sogama transforma, con todas as garantías medioambientais e de protección da saúde pública, en enerxía eléctrica, poñendo en valor a parte non reciclable do lixo.

Recoñeceron que, quizais por unha cuestión cultural, cando comen en restaurantes, non solicitan, en moitos casos por pudor, as sobras para levalas á casa, considerando que se trata dunha cuestión que debería promover a propia hostalería

A meirande parte das persoas que habitan no medio rural, e que aportaron as súas opinións, manifestaron que, ademais da fabricación de compost, destinan os residuos orgánicos a alimento de animais doméstico, como gatos e cans.

Premio á mellor receita con sobras de comidas
A fin de promover a redución do desperdicio de alimentos entre a cidadanía, a través da páxina web da campaña ínstase aos internautas a que acheguen a Sogama a súa mellor receita gastronómica a partir de sobras. O prazo conclúe o próximo 22 de decembro. O galardón recaerá no autor daquela que sobresaia pola súa orixinalidade e innovación e, moi especialmente, pola utilización da maior porcentaxe de ingredientes procedentes de restos de alimentos.

O premio é unha fin de semana na Mariña lucense para dúas persoas, incluíndo dúas noites de hotel con pensión completa e dous días de clase de stand up surf e kitesurf.