Thursday 21 de November de 2024

O Concello de Frades organiza dúas novas etapas do Camiño, nesta ocasión entre Fisterra e Muxía


A primeira etapa, Fisterra-Lires de 14 quilómetros, terá lugar o vindeiro sábado 2 de febreiro

O Concello de Frades organiza dúas novas etapas dentro do seu percorrido polos distintos itinerarios xacobeos existentes en Galicia que xa levou a unha media de cen veciños e veciñas do municipio a percorrer case 250 quilometros en 11 etapas que teñen lugar os sábados, sempre que a climatoloxía o permita. Se entre outubro de 2017 e maio de 2018 percorreron os 159 quilómetros do Camiño Francés entre O Cebreiro e Compostela; e entre os meses de outubro a decembro de 2018 percorreron os 90 quilómetros entre Santiago e Fisterra; agora o Concello de Frades convoca dúas novas etapas para percorrer os 33 quilómetros existentes entre Fisterra e Muxía.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, explica que “diante da boa acollida que tivo esta iniciativa decidimos convocar dúas novas etapas para achegarnos ata o santuario da Virxe da Barca, en Muxía”. A primeira destas etapas terá lugar o vindeiro sábado 2 de febreiro e será de 14 quilómetros entre Fisterra e Lires. A segunda etapa, de 19 quilómetros entre Lires e Muxía, terá lugar nunha data aínda por determinar.

En ambos casos, a saída terá lugar ás 8:00 horas da casa consistorial de Frades e o prezo será o mesmo cas etapas anteriores: 10 euros. Un autobús levará aos camiñantes ata o inicio do percorrido e recolleraos no punto de destino para volvelos achegar a Frades. As persoas que participen poden decidir se levar xantar da casa ou acordar un lugar común onde xantar. As inscricións poden formalizarse no Concello de Frades ou chamando aos teléfonos 981 695 567 ou 981 695 663.