Friday 22 de November de 2024

A atención pediátrica centra tres plenos monográficos convocados para este xoves en Cerdido, Moeche e San Sadurniño


Moeche e San Sadurniño iniciarán as súas respectivas sesións ás 20.00h. e Cerdido ás 20.15h.

Cerdido, Moeche e San Sadurniño fixaron para o serán deste xoves a celebración de cadanseu pleno extraordinario co que demandar da Xunta o “inmediato restablecemento” do servizo de pediatría que se viña prestando nestes tres concellos e tamén no das Somozas. Desde a semana pasada o SERGAS ten concentrada en San Sadurniño a atención sanitaria infantil tras suprimir as visitas itinerantes polos outros municipios e, ademais, o servizo préstase con varios facultativos que non dispoñen de especialización pediátrica. Este cambio obedece, segundo a Xunta, á falla de profesionais con esa titulación. Porén, para os gobernos municipais que suscriben a moción a situación sería achacable a unha falla de previsión por parte do SERGAS á hora de cubrir o posto que quedou libre en San Sadurniño. O texto que se debaterá nos plenos recolle, ademais, todas as demandas expresadas polas nais e pais que se mobilizaron a través das redes sociais, presentando reclamacións nos centros de saúde e tamén cun escrito enviado a través da rapazada do CEIP San Ramón que motivou unha inspección no centro “con extrema e inusual rapidez” por parte da Consellería de Educación. A moción compartida polos tres gobernos locais esixe a este respecto que se retiren ou invaliden as posibles accións contra o colexio e que a consellería “dirixa unha desculpa aos pais e nais, que só reclaman pacificamente un dereito”.

A atención sanitaria infantil viña prestándose ata a semana pasada cunha pediatra que tiña como base o Centro de Saúde de San Sadurniño, aínda que en días alternos se desprazaba durante parte da súa xornada aos centros médicos de Cerdido, Moeche e As Somozas.

Porén, a marcha da especialista supuxo un cambio substancial no servizo, que agora se presta durante tres días na semana cun médico puericultor mentres que as outras dúas xornadas son asumidas por facultativos de familia que tampouco posúen a especialidade. E en todos os casos hai que ir si ou si a San Sadurniño, posto que quedaron suprimidas as consultas itinerantes que a pediatra ofecía antes nos outros tres concellos. Para as familias de Cerdido son 30 quilómetros a maiores en desprazamentos de ida e volta, 33 no caso das usuarias das Somozas e 19 Km se se toma como referencia o centro médico de Moeche.

A Xunta insiste en que esta situación é provisional mentres non se poida contratar especialista, aínda que a información dispoñible é, polo de agora, oficiosa ou coñecida por unha parte dos consistorios a través da prensa e breves conversas telefónicas con Ángel Facio, Xerente de Xestión Integrada de Ferrol. De feito, os concellos solicitaron unha reunión formal co responsable da organización sanitaria de toda a zona de cara a coñecer de forma oficial e de primeira man as razóns destes cambios e tamén as previsións da Xunta sobre o que tardará o servizo en volver ao seu. De momento non houbo resposta á solicitude e o único que saben os executivos locais -e tamén os pais e nais- é o que se publicou na prensa o outro día a raíz dunha xuntanza do delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, co alcalde das Somozas e varios representantes e candidatos do Partido Popular ás municipais de maio.

As xestións municipais iniciadas a principios da semana pasada -cando se confirmaron os cambios- coincidiron no tempo con accións desenvolvidas por varias nais e pais, entre elas o convite a que se presentasen reclamacións nos centros médicos dos catro concellos acompañadas dun escrito que esixe o restablecemento do servizo sanitario infantil nas mesmas condicións en que se viña prestando, é dicir, con especialista en pediatría en San Sadurniño e con consultas itinerantes por As Somozas, Cerdido e Moeche.

A plataforma compartiu o escrito en Facebook e noutras redes, pero tamén llo enviou ás ANPAS para que o distribuísen entre os pais, algo que en Moeche se fixo o xoves mandándoo ás casas polos cativos do CEIP San Ramón. A resposta da Xunta non se fixo esperar e, a raíz dunha denuncia “que non sabemos de onde partiu”, o venres pola mañá trasladouse ata o centro de ensino un inspector da Consellería de Cultura, Educación e Ordenacion universitaria para investigar o contido do envío e a responsabilidade sobre a súa distribución. O texto da moción que se levará aos plenos de mañá denuncia a “extrema e inusual rapidez” da Consellería mandando á inspección educativa “para amedrentar aos profesionais da escola e ás familias co único obxectivo de apagar as voces que demandan un dereito”.

Entre as propostas que inclúe a moción para debate plenario está, precisamente, instar á Consellería a que dea explicacións sobre os termos da denuncia que mobilizou a inspección educativa e que se dirixa unha desculpa aos pais e nais tras ser acusados nunha carta remitida desde o centro de pertencer a unha plataforma “con certos tintes políticos”.

Porén, os acordos de maior calado que van a pleno son, dunha banda, demandar da Xunta “o inmediato restablecemento do servizo de pediatría nos catro concellos tal e como viña funcionando ata agora”, e da outra, o mantemento da “igualdade” do rural na prestación de servizos básicos como a sanidade ou a educación.

Os plenos extraordinarios están fixados para as 20.00h. en Moeche e San Sadurniño e para un cuarto de hora despois en Cerdido.