Friday 22 de November de 2024

Os socialistas de Ordes pídenlle ao Concello que instale alumeado público no aparcadoiro da rúa Compostela


O grupo municipal socialista de Ordes pediralle ao Concello de Ordes a instalación de alumeado público suficiente no aparcadoiro da rúa Compostela para que os veciños e veciñas que o utilizan poidan transitar en condicións de seguridade. “Temos recibido numerosas queixas de persoas que aparcan neste estacionamento pola inexistencia de alumeado no lugar, o que provoca que pola noite teñan que alumear cos seus móbiles para ir e volver aos seus vehículos”, sinala Alejandro Manteiga, voceiro municipal socialista.

Neste sentido, Manteiga alerta “do risco de atropelo existente na zona pola escuridade, por non falar de caídas por tropezos nas fochancas que ten o lugar”. Por iso, os socialistas instan ao Concello de Ordes a instalar o alumeado preciso no aparcadoiro da Rúa Compostela para que tanto os seus usuarios como as persoas que camiñen polo lugar poidan facelo en condicións de total seguridade.

Así mesmo, os socialistas de Ordes pedirán no pleno municipal deste venres dúas melloras na contorna da piscina municipal. En primeiro lugar, solicitarán o remate da humanización dun tramo entre a piscina municipal e a rúa do Recreo que discorre paralelo ao río. “Trátase dunha zona que quedou ser urbanizar, de xeito que en días chuviosos é complicado pasar con carriños de bebés e sen mancharse”, apunta Alejandro Manteiga.

Ademais, os socialistas pedirán unha solución aos verquidos de lixo que habitualmente se producen nun terreo na rúa do Muiño e que xera unha mala imaxe da vila. “Pediremos que se limpe e conserve, se se trata dunha zona pública, ou que se inste ao propietario a mantelo limpo, se se tratase dunha parcela privada”, adianta o voceiro municipal socialista.