Dentro da aposta do Goberno galego por reducir os impostos, asevera que “en 2015 baixamos o canon un 10% e neste 2019 queremos volvelo facer outro 10%”
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou esta mañá a publicación no Diario Oficial de Galicia de mañá mércores a baixada do canon de Sogama nun 10% a todos os concellos que se comprometan a incrementar a porcentaxe de reciclaxe e trasladen esa rebaixa aos fogares do seu termo municipal.
Durante unha visita á nova planta de recuperación de materiais do complexo medioambiental de Sogama, Feijóo lembrou que “en 2015 baixamos o canon un 10% e neste 2019 queremos volvelo facer outro 10%”, aseverou, dentro desa aposta do Goberno galego por reducir os impostos que pagan os galegos.
Logo de subliñar que grazas á xestión eficiente, a débeda que os concellos manteñen con Sogama é a máis baixa da súa historia, un 80,31% menos que no ano 2013, o titular da Xunta lembrou que hoxe este complexo dá servizo ao 94% dos municipios galegos e xestiona e trata os refugallos que producen diariamente máis de oito de cada dez galegos.
Así, desde a súa posta en marcha, Sogama tratou 9,4 millóns de toneladas de lixo, cunha unha rede loxística formada por: 37 plantas de transferencia, 20 das cales son titularidade directa do complexo; e un sistema de transporte no cal cada vez ten máis peso o ferrocarril, de xeito que se incrementa a eficiencia e a sustentabilidade ambiental da planta.
Sobre este segundo aspecto, o responsable do Executivo autonómico precisou que, se no ano 2001 iniciou o transporte de residuos por tren ás súas instalacións, actualmente, xa transporta máis do 58% dos residuos por este medio, “o que supón un fito histórico”.
Mellora e ampliación do complexo
Así mesmo, aseverou que, grazas á aposta decidida da Xunta, Sogama acaba de dar varios pasos adiante para seguir mellorando o seu modelo, referíndose, en primeiro lugar, ás obras de ampliación que permitirán tratar un millón de toneladas ao ano, fronte ás 550.000 actuais, “o que supón –dixo- un incremento do 81% da capacidade actual da planta, pasando a xestionar practicamente o dobre de residuos que na actualidade”.
Este incremento da capacidade de tratamento posibilitará procesar en condicións óptimas todos os residuos domésticos producidos en Galicia. E chegarase á vertedura técnica cero, que é un dos principais expoñentes da economía circular, polo que soamente se depositarán en vertedoiro os residuos que sexa imposible reciclar ou valorizar.
“Co remate desta ampliación, Sogama situarase entre as plantas máis grandes e eficientes de Europa”, afirmou, logo de precisar que a estas obras de ampliación estanse a destinar 31 millóns de euros, dos cales: 19 millóns son para a fase 1, rematada no verán pasado e xa operativa, e máis de 12 millóns para a fase 2, actualmente en execución.
No tocante á fase 1, Feijóo resaltou que xa se ten acometido a construción e equipamento dunha nova planta de recuperación de materiais contidos na bolsa negra -isto é, depositado sen separar-; e que incorpora tecnoloxías de última xeración para segregar materiais como o poletileno, o PET , o plástico mixto, bricks, papel e cartón.
E, sobre a fase 2, recordou que estará finalizada no verán de 2019. Con esa mellora acometerase a remodelación da planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, na que se selecciona da bolsa negra a parte susceptible de ser reciclada e co resto prodúcese un combustible que alimenta unha planta termoeléctrica na que se xera, de forma limpa, tanta electricidade como para abastecer o 12% dos fogares galegos.
Ademais, con esta valorización, Sogama adiántase 15 anos ao prazo pretendido pola Unión Europea, logrando en 2020 o 10% de límite de vertido que Europa propón para 2035, engadindo unha R máis ás tres R do consumo responsable: redución do consumo innecesario; reutilización dos obxectos; reciclaxe e recuperación enerxética de todo aquel refugallo que non é reciclable.
Ademais das obras de ampliación, Feijóo subliñou que Sogama está xestionando a adhesión dos concellos á nova planta de compostaxe, na que se investiron 3 millóns de euros e que será decisiva para axudar a cumprir o obxectivo europeo de reciclar o 50% dos residuos no ano 2020.