Ovidio Rodeiro destacou que estas axudas permiten ás empresas medrar e aumentar a súa capacidade produtiva para ser máis competitivas
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, fixo balance, esta mañá, das axudas da Consellería de Medio Rural para a comarca de Ferrolterra para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios do período 2014-2020 cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
O representante do goberno autonómico informou destas axudas durante a visita á empresa Delicias Coruña beneficiada por esta orde de axudas cunha achega de 38.750 euros que lle permitiu mobilizar un investimento de 155.000 euros para levar a cabo melloras tecnolóxicas na súa fábrica de empanadas.
Con esta achega a empresa mellorou e ampliou a capacidade de almacenamento de fariña cun novo silo e procedeu a automatizar todo o sistema con básculas de pesaxe e transporte interno. Estes sistemas contan con tubaxes, valvulería, sistemas de control, dosificación e limpeza individual o que permitirá unha maior eficacia na distribución das diferentes fórmulas elaboradas e unha importante mellora na capacidade de transformación da industria.
As axudas consisten en subvencións a fondo perdido para realizar investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas na comunidade destinadas á transformación e/ou comercialización de produtos agrarios. Neste senso, Ovidio Rodeiro destacou “o importante deste tipo de axudas é que van encamiñadas a facer que as nosas empresas do rural amplíen a súa capacidade produtiva e sexan moito máis competitivas”. O delegado territorial puntualizou que “estas axudas son unha gran oportunidade para que as nosas empresas poidan seguir medrando e mellorando as súas instalacións, unha peza clave para garantir o seu futuro”.
O delegado territorial informou que xa se pechou a convocatoria deste ano 2018 na que 33 empresas de toda a provincia da Coruña recibirán axudas por valor de 9,25M€ , que suporán un investimento de 26,3 M€.
Na comarca de Ferrolterra serán cinco as empresas beneficiadas por estas axudas nos concellos de As Pontes de García Rodríguez, San Sadurniño e Valdoviño e recibirán achegas por valor de 164.000 euros e mobilizarán 537.000 euros.
Por áreas, nesta comarca destacan catros proxectos relacionados coa alimentación humana centrados en, queixos, mel, empanadas e produtos ecolóxicos. A outra iniciativa beneficiada por esta orde de axudas ten que ver coa alimentación a animal de fabricación de pensos compostos.